Voltar

Pasa a folla

O Dicionario CLUVI inglés-galego

Ata hai unhas semanas, se buscabamos dicionarios inglés-galego e galego-inglés de lingua xeral tiñamos que limitarnos a traballos en papel. O repertorio non ía moito máis alá do Diccionario elemental inglés-galego/galego-inglés de B. Fernández Salgado, do Diccionario galego-inglés de A. Rosenstiehl (1995), e do Galician-English/English-Galician Concise Dictionary de J. Vikin (2000). Amais, podiamos atopar equivalencias entre estas dúas linguas en traballos como a Enciclopedia Galega Universal ou nalgún dos vocabularios e glosarios terminolóxicos que foron publicando diversas entidades.

Pero desde hai un tempiño, a esta listaxe podemos engadir unha fonte máis, que por riba é gratuíta e pode consultarse 24 horas ao día e 365 días ao ano a través de Internet. Ademais dun dicionario multilingüe ao que tamén se pode acceder a través de Internet, e que se desenvolve de forma cooperativa dentro do proxecto Logos, –con todas as virtudes e todos os defectos deste tipo de traballos– e no que podemos consultar os equivalentes das palabras galegas máis comúns nun amplísimo abano de linguas, agora temos o Dicionario CLUVI inglés-galego/galego-inglés, da autoría de Xavier Gómez Guinovart (coord.), Elena Sacau Fontenla, Ánxeles Torres Padín, Eva Díaz Rodríguez e Alberto Álvarez Lugrís, todos eles integrados no Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo.

A maior novidade deste traballo reside no feito de basearse nun corpus representativo bilingüe, procedente do Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo. Xa que logo, todos os equivalentes propostos son parellas empregadas en procesos reais de tradución, dos que se escolle un exemplo contextualizado que se ofrece como ilustración de cada equivalencia.

Actualmente, este dicionario conta con case 6000 entradas en inglés coas que se corresponden máis de 9000 equivalentes galegos. Para unhas e outros é posible realizar buscas de palabras completas ou de secuencias de palabras, así como outras máis complexas a través de comodíns.

Polo de agora a súa utilidade como ferramenta de apoio á redacción ou á lectura está bastante limitada polo seu reducido número de entradas e polo carácter literario do corpus base. Pero a vontade de continuidade e ampliación que explicitamente declaran os autores pode permitir que nun futuro determinadas áreas técnicas teñan un grao de representación maior, o que se derivará nunha utilidade tamén incrementada.

Con este traballo, o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo engade unha máis á serie de ferramentas útiles para o usuario da lingua galega. Na súa páxina web podemos ver e descargar, amais das xa citadas, un  Vocabulario xurídico-administrativo tamén baseado nun corpus paralelo bilingüe, un Glosario de termos da Internet e un Vocabulario terminolóxico trilingüe das artes gráficas.




Imprimir