Voltar

O Vocabulario de Química (galego-español-inglés)

Se vostede ten algo que ver coa química, seguro que sabe perfectamente o que é unha reacción en cadoiro, cándo se alcanza a temperatura de orballo, para qué se utiliza a espectroscopia de chama, ou cómo se usa unha trompa de baleiro. Mais, se cadra, fica sorprendido diante destes termos, as formas correctas en galego para designar tales conceptos, que pode consultar no Vocabulario de Química  trilingüe (galego-español-inglés) editado recentemente nesta Universidade.

O vocabulario é froito do traballo de nove profesores, investigadores e estudiantes da Facultade de Química no marco das actividades da súa Comisión de Normalización Lingüística, creada no curso 1998-1999. A Comisión indagou nas posibles causas do escasísimo uso do galego na docencia e na investigación deste centro a través dunha enquisa; o descoñecemento da terminoloxía galega da especialidade resultou ser unha das razóns máis sobranceiras esgrimidas polo profesorado, polo que decidiron poñerlle remedio.

Xa que logo, baixo a coordinación de Xoán Guitián, e co asesoramento lingüístico do Servicio de Normalización Lingüística, botaron a andar un traballo que lles levou algo máis de dous anos, e que agora ve a luz coa axuda económica da Xunta de Galicia, dentro da colección de vocabularios temáticos do Servicio de Normalización Lingüística.

O Vocabulario de Química preséntase como un vocabulario (quer dicir, non inclúe definicións), que parte de 2.563 entradas en galego, coa súa correspondencia en castelán e inglés, así como outra información (clasificación temática, categoría gramatical, sinónimos e variantes, e observacións). Vexamos, por exemplo, a entrada 740:

740 ebuliscopia f
Técnicas
SIN.- ebuliometría
es ebulloscopia
en ebullioscopy

Para facilitar o acceso rápido á información, con independencia da lingua pola que se inicie a busca, incorpora dous índices alfabéticos coas equivalencias en castelán e inglés, que remiten ó número de entrada en galego. Esta presentación segue as normas ISO de edición deste tipo de traballos.

Ademais, recolle un anexo de grande utilidade, con táboas e índices de elementos, unidades do Sistema Internacional, factores de conversión, constantes, relación de prefixos e sufixos na nomenclatura orgánica, etc.

O Vocabulario de Químicas distribuirase de balde ós profesores e estudiantes interesados, para o cal deberán poñerse en contacto coa Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química, ou co Servicio de Normalización Lingüística.

A Comisión agarda que o froito do seu traballo contribúa á extensión do uso do galego neste centro, e por iso dedican o seu Vocabulario á memoria de don Isidro Parga Pondal, "exemplo de compromiso coa ciencia, coa lingua e co país".




Imprimir