Voltar

Construcións verbais perifrásticas e non perifrásticas

En galego hai certas construcións verbais que, pola súa semellanza formal, hai quen confunde á hora de usalas, cando teñen sentidos moi diferentes. Non é que ningunha delas sexa incorrecta, senón que se usan incorrectamente. Vexamos algunhas:

1. Ter + participio

Cómpre distinguirmos dous tipos de construción:

a) Téñoche preparados os apuntamentos

Non se trata dunha perífrase verbal: O verbo é soamente ter e expresa unha idea próxima ao seu significado xeral de pertenza; o participio concorda co complemento directo en xénero e número, e pódese deslocar: Téñoche os apuntamentos preparados.

b) Témosche dito que regues as plantas

Trátase dunha perífrase que expresa que a acción verbal de dicir se reitera no tempo. Se a acción verbal non se reitera, é inadmisible utilizar esta perífrase: *Temos realizado unha investigación sobre as causas dos lumes.

Porén, ás veces pódese usar esta perífrase para expresar situacións acabadas e que non se repiten no tempo, se ter vai en infinitivo, futuro ou futuro hipotético: De teres estudado antes, non estarías agoniado. Tería vido antes, mais non dei acabado.

2. Ir / volver + (a) + infinitivo

Cando estas construcións levan a preposición a non son perífrases: nelas exprésase movemento ou finalidade: Á fonte vou a buscar auga (=vou ata alí para buscar auga), Volvín a chamar (= regresei para chamar).

Cando non levan preposicion son perífrases que expresan non movemento ou finalidade, senón futuro (no caso de ir) e reiteración (no caso de volver). Vai comezar o curso, Collín o teléfono e volvín chamar.

3. Vir de + infinitivo

Esta construción expresa o remate recente dunha acción mais con idea de movemento: Veño de cavar na horta, Vides aínda de matricularvos?

Se non leva implícita esa idea de movemento e só expresa acabamento da acción, é un galicismo que cómpre evitar en galego, substituíndo por perífrases de noso: así, no canto de *Vénse de aprobar o regulamento diremos Acábase de aprobar o regulamento.



Imprimir