Voltar

Pasa a folla

Andel de diccionarios novos (II)

No número anterior <http://ocartafol.usc.es/default.asp?OCartafol=2> do Cartafol dixital presentamos as principais novidades aparecidas no terreo dos diccionarios de lingua, durante o trienio en que esta publicación non puido chegar ás vosas mans. Neste número e no seguinte habemos completar esta serie ofrecendo unha panorámica dos diccionarios e vocabularios especializados galegos deste mesmo período. Cómpre destacar o incremento cuantitativo e cualitativo da producción (aumenta o volume dos traballos, o número de linguas analizadas e a información recollida para cada concepto), e a crecente utilización de Internet como vía de difusión, complementaria ou exclusiva, de moitos dos traballos elaborados.
A seguir presentamos as obras encadrables nas áreas de ciencias da saúde e ciencias experimentais, deixando para a terceira entrega as de ciencias sociais, humanidades e ensinanzas técnicas.




Daviña Facal, L. (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, A Coruña: Deputación Provincial, (vol. A-C)
Este diccionario -concibido como traballo de grandes dimensións- presenta como grande pexa o feito de irse editando por etapas (actualmente podemos acceder ós dous primeiro volumes). Cada entrada acompáñase da indicación da área de especialidade, da etimoloxía, da definición, e de variante, sinónimos e antónimos, se cómpren.
Reyes Oliveros, F. e García González, C. (dir.) (2002): Diccionario galego de termos médicos, Santiago, Xunta de Galicia
Trátase dunha obra que recolle arredor de 20.000 entradas desta grande área do coñecemento científico. Para cada unha delas ofrece denominación galega, definición e sinónimos. Igualmente, menciona tamén termos que se consideran inadecuados para a comunicación científica en galego, remitindo o usuario á forma correcta.
Lahuerta Mouriño, F. e X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos <http://www.crtvg.es/cgi-bin/libros/libros2.asp?Identificador=1266>, Santiago: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades <http://www.cirp.es/> - Xunta de Galicia
Esta obra recolle 2.131 especies, clasificadas por grupos taxonómicos e ordenadas no interior de cada un deles segundo a súa denominación galega. Cada entrada ofrece a denominación científica, os equivalentes en castelán, portugués, francés e inglés, os sinónimos para calquera das linguas, cando cómpre, e tamén contidos puramente especializados como as áreas de pesca ou de distribución. Complétase cunha serie de índices remisivos que permiten acceder á información desde calquera das linguas que se inclúen.
Guitián Rivera, X. (coord.) (2002): Vocabulario de química (galego-español-inglés), Santiago: Servicio de Normalización Lingüística da USC [ <http://www.usc.es/snlus> Proximamente accesible en formato .pdf en <http://www.usc.es/snlus/vocab.htm>]
Contén máis de 2.500 entradas trilingües, ordenadas alfabeticamente pola forma galega, e que inclúen tamén información sobre a categoría gramatical, á subárea temática a que pertence, as equivalencias en español e inglés e a indicación de sinónimos ou variantes formais da denominación galega. Complétase con táboas alfabéticas das entradas españolas e inglesas, e cunha serie de cadros e índices como a táboa periódica dos elementos, factores de conversión entre unidades físicas, prefixos e sufixos en nomenclatura orgánica, etc.
Prado, D. (dir.) (2002): Léxico do medio (catalán, corso, friulano, galego, ladino, occitano e sardo), Paris - Barcelona: Unión Latina <http://www.unilat.org/> - Termcat <http://www.termcat.es/>
Pequeno vocabulario constituído por 179 entradas que representan a terminoloxía básica da área do ambiente, elaborado gracias ó apoio do proxecto Linmiter <http://www.linmiter.net/>, que pretende fomentar o desenvolvemento dos romances minorizados europeos. Por ese motivo, neste traballo inclúense os equivalentes en catalán, corso, friulano, galego, ladino, occitano e sardo, e non ningunha lingua de gran difusión. 
Lahuerta Mouriño, F. X. Vázquez Álvarez e X. L. Rodríguez Villanueva (2002): Vocabulario multilingüe de acuicultura <http://www.crtvg.es/cgi-bin/libros/libros2.asp?Identificador=1581>, Santiago: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades - Xunta de Galicia
Analiza uns 3.000 termos relacionados coa acuicultura, para os que dá a entrada galega e equivalentes en castelán, inglés, francés e portugués, así como a denominación científica, cando cómpre.




Imprimir