|
Ciencias da Educación e a lingua galega (I) A Comisión de Normalización Lingüistica da Facultade de Ciencias da Educación distribuíu, o pasado curso 2001-2002, un cuestionario sociolingüístico entre o conxunto do profesorado do centro, co obxectivo de obter información sobre a súa competencia lingüistica, sobre as conductas lingüistica orais ou escritas, así como as opinións sobre certas cuestións relacionadas coa lingua no ámbito profesional. Tratábase de contar cunha radiografía de partida, a partir da cal elaborar un diagnóstico sobre a situación da lingua galega e propoñer medidas de actuación dende a Comisión. A partir dos 41 cuestionarios recibidos pola CNL, procedentes de tódolos departamentos con sede na Facultade, e mais outros con docencia nela, elaborouse un pequeno informe, do cal presentamos algúns datos de interese. En canto a opinión que os docentes de Ciencias da Educación teñen sobre a súa competencia lingüística en galego, cómpre salientar que en xeral, o profesorado do centro séntese competente en galego: todos sen excepción afirman entender o galego ben (20%) ou perfectamente (80%), ou que só o 5% e o 7% falan e escriben mal. A resposta perfectamente para entender, falar, escribir ou ler é a máis riscada polos docentes desta facultade. O outro feito subliñable é que en harmonía cos datos que se adoitan recoller noutros estudios, as competencias pasivas (entender e ler) son máis altas que as activas (falar e escribir). Así, o 80% que di entender e o 73% que di ler perfectamente o galego redúcese ata o 44% á hora de falalo e o 30% á de escribilo. Xa que logo, os esforzos necesarios neste eido deberían destinarse a mellorar as competencias máis activas, a lectura e a escritura. Segundo os cuestionarios, a lingua máis utilizada na docencia desta facultade é o galego: o 56% afirma que imparte as súas materias só en galego, ó que hai que lle sumar o 5% que usa máis o galego có castelán. Un 22% impártea só en castelán, á beira dun 12% que usa máis o castelán có galego. Ó cruzar os datos compróbase que a maior competencia na nosa lingua é proporcional ó seu uso. (Consultar a continuación en http://ocartafol.usc.es/con_creto.asp?OCArtafol=7&Artigo=45) |