Voltar

A reforma das Normas: o que cómpre saber (I)

O pasado xullo a RAG deu por rematado un longo proceso de negociación para conseguir, por fin, un acordo normativo no que funden as tendencias normativas socialmente maioritarias en Galicia. É esta, sen dúbida, unha boa noticia para a lingua e para o pobo galego, sobre todo se temos en conta que a pesar de que o texto foi aprobado en xullo non quere dicir que os textos escritos na anterior norma vaian ser incorrectos. Está previsto un período de adaptación de dous anos en que convivan as dúas normas, é dicir, un tempo no que unha e mais a outra sexan perfectamente vixentes de maneira simultánea.

Non obstante, é lóxico pensar que un cambio normativo vai supoñer, por unha parte, un problema para as persoas que fixeran un esforzo de aprendizaxe do anterior texto normativo, e pola outra, para a vixencia dos recursos bibliográficos e dos correctores ortográficos en soporte informático, que aínda non poden estar adaptados á nova norma.

Así os correctores ortográficos existentes (Galgo, 2mil e XP) van perder efectividade ao daren como erro solucións correctas segundo a nova normativa. A solución circunstancial que propoñemos é ir engadindo esas novas formas ao diccionario particular do corrector. É de supoñer que en novas versións estes cambios xa virán recollidos.

En canto ao esforzo persoal de adaptación, imos ver como os cambios dos que falamos non son nin tantos nin de moito calado e tamén veremos como moitas das opcións normativas aparentemente novas, xa estaban aceptadas nas antigas normas e, en moitos casos, o único que se fai é cambiar as preferencias dentro de formas que eran e seguen sendo opcións perfectamente normativas. Xa que logo, imos ver cambios de carácter obrigatorio e outros facultativos e dentro de cada un destes dous grupos -obrigados e opcionais- ímolos dividir en relevantes ou non relevantes, atendendo á frecuencia con que se poden dar nun texto. Na edición actual deste Cartafol só se tratarán aqueles cambios máis relevantes e de carácter obrigatorio.

 

Mudanzas máis relevantes obrigatorias

O cambio normativo vai carrexar, loxicamente, cambios nalgunhas palabras; en verdade non son moitas, pero é o contorno da universidade un dos máis afectados, pois dentro das palabras que cambian algunhas son de moito uso entre nós. Así, reitor (e vicerreitor), reitorado, reitoral, reitoría, estudar, estudante, estudo e servizo pasan a ser as únicas formas correctas. Á parte destas, hai que ter especial conta de que formas de moito uso como sen embargo*, nembargantes*, anque* ou entonces*, ata agora normativas, pasan a ser incorrectas e haberá que substituílas por: non obstante, aínda que ou entón.

Outros cambios de importancia aos que hai que facer referencia son:

Pronomes demostrativos neutros: Elimínanse as formas esto*, eso*, aquelo* como formas do pronome demostrativo neutro e pasan a ser as únicas correctas isto, iso e aquilo.

Grupos cultos CT e CC: Suprímese a primeira consoante destes grupos cultos cando precede as vogais I e U (condución, tradución), malia manterse o grupo culto nalgúns tecnicismos e palabras cultas (deíctico, dúctil...).

Sufixos en -ZO e -ZA: Amplíase a relación de voces con -zo, -za: diferenza, espazo, estanza ("estrofa"), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, querenza, sentenza, terzo e, a xa indicada, servizo.

Sufixos en -ÁN/-A, -ANO/-ANA: Acomódase ao esquema -an/-á as seguintes formas: afgán, alazán, alemán, barregán, bosquimán, capitán, catalán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sancristán, sultán e truán.

Sufixos en -ÓN/ -ONA: O esquema -on/-ona queda reservado para formacións aumentativas (homón, mullerona) ou palabras que veñen de verbos e teñen sentido pexorativo: abusón, abusona). Nos demais casos, o esquema é -on/-oa: león, leoa; anfitrión, anfitrioa, etc.).

Acentuación: Limítase acentuación de interrogativos que introducen interrogativas indirectas a aqueles casos en que é necesaria para evitar ambigüidades, o que simplifica realmente o uso correcto. Agora escribiremos Dime cando vés e non Dime cándo* vés.

A acentuación da primeira e da segunda persoa de plural dos pretéritos de subxuntivos é esdrúxula: andásemos, andásedes. Segundo as anteriores normas estas formas levaban unha acentuación grave: andasemos*, andasedes*.

 



Imprimir