Voltar

Éxito da campaña "¡Que non digan nin PIU!"

O pasado mes de novembro a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior botaba a andar a campaña de protesta '¡Que non digan nin PIU!'. <http://web.lugo.usc.es/~cnleps/>. A razón era que os Puntos de Información Universitaria (PIU), terminais electrónicos que se estaban a instalar nos diversos centros da nosa Universidade, e que permiten acceder a datos académicos e a outra información universitaria, así como a información dunha entidade bancaria, presentaban unha parte significativa desta información exclusivamente en castelán, incluídas as primeiras pantallas, de benvida.

A protesta, artellada mediante o envío de correos electrónicos ó Servicio de Normalización Lingüística e, sobranceiramente, de cartas dirixidas ó rector e ó valedor da comunidade universitaria, conseguiron axiña que as primeiras pantallas, así como a restante información de carácter universitario se fornezan en galego. Mais a relativa á entidade bancaria segue atopándose só en castelán.

Tales feitos vulneraban o Regulamento de uso do galego na USC, consultable en <http://www.ti.usc.es/lexis/doc/regusog1.htm> concretamente o seu punto 7, relativo a publicacións e publicidade, no que se estipula que este tipo de textos han presentarse en galego. Cómpre sinalar que as persoas que dirixiron as súas reclamacións ó rector ou ó valedor recibiron unha cumprida resposta, na que, ademais de comunicar a galeguización da información de carácter universitario, se agradece o esforzo a prol do noso idioma.




Imprimir