|
SNL: facendo memoria O Servicio de Normalización Lingüística desenvolve o seu traballo a través de catro áreas de actuación: Asesoramento lingüístico, Formación, Terminoloxía e Dinamización. Dentro da Área de Asesoramento Lingüístico destacan os preto de 5.000 folios procesados, e que na inmensa maioría dos casos corresponde a correccións (máis de 4.400 páxinas). A Área fixou un proceso de corrección significativa, así como uns criterios de corrección segundo a importancia e a repercusión dos documentos. Cómpre sinalar o altísimo grao de cumprimento dos prazos de traballo, que supera o 95% dos casos. Ademais esta área atende innumerables consultas puntuais realizadas ben persoalmente, ben a través do teléfono (ext. 11327), o correo electrónico (mbermu@usc.es) ou o formulario electrónico da páxina web (http://www.usc.es/snlus/asesor.htm). A Área de Formación argallou un total de 12 cursos, 8 deles no Campus de Santiago e 4 no de Lugo, ós que asistiron 226 persoas. Os cursos dirixidos ó PAS, organizados conxuntamente co Servicio de Planficación e Programación de PAS, consistiron en 2 cursos de reciclaxe de lingua, 1 curso de linguaxe administrativa e 2 cursos de lingua oral. Para o estudiantado convocáronse 4 cursos de redacción e deseño de traballos de investigación, así como 3 cursos de lingua galega para non galegofalantes, dos dous niveis de que consta (elemental e competencia). Estes últimos computan 5 créditos de libre elección, e a eles asistiron persoas procedentes do resto do Estado (fundamentalmente, de Asturias e Castela-León) mais tamén de Estados Unidos, Suíza, Polonia, Francia, Finlandia, Alemaña, Brasil, Perú... O traballo máis visible da Área de Terminoloxía neste período foi a edición do Vocabulario de Química. Máis calado e desapercibido foi a creación e depuración dunha base de datos terminolóxica con máis de 80.000 rexistros que polo de agora é para o uso interno no SNL, así como os traballos relativos á elaboración doutros 8 repertorios terminográficos. Finalmente, a Área de Dinamización foi a encargada da publicación e difusión do Cartafol, tanto na súa versión dixital como en papel, e tamén da actualización e mantemento do web do SNL. Por outra banda, prestoulle apoio técnico á Comisión de Normalización Lingüística da EPS, e un ano máis puxo en marcha a campaña de axudas á elaboración de teses, memorias de licenciatura e proxectos de fin de carreira en galego, á que se acolleron 11 doutorandos, 13 graduandos e 61 proxectistas. A memoria das actividades que o Servicio de Normalización realizou o curso anterior xa se pode consultar no seu web <http://www.usc.es/snlus/snl.htm>. |