|
Internet, un abano de recursos sobre o galego A través da páxina web do Servicio de Normalización Lingüística dedicada a ligazóns sobre lingua (http://www.usc.es/~snlus/ligazons.htm), pode acceder directamente a múltiples recursos sobre o galego, algúns dos cales recomendamos aquí ou nos restantes artigos deste Cartafol. A Dirección Xeral de Política Lingüística ofrece no seu web un arquivo en PDF con tódalas disposicións normativas referidas ó galego. Por outra banda, o web do Boletín Oficial do Estado recolle os suplementos que publican lexislación en galego. E o da CIG fornece a lexislación laboral, así como unha base de datos de convenios colectivos, na nosa lingua. Páxinas de información gramatical e fonética sobre o galego son, por exemplo, as do Instituto da Lingua Galega, mentres que en galego.org segue aniñada unha excelente visión sobre a historia e a actualidade sociolingüística do idioma. Para ampliar información sobre algún aspecto da nosa lingua, aínda que en formato libro, nada mellor que consultar a bibliografía sobre lingüística galega que en forma de base de datos nos ofrece o proxecto Bilega dende o Centro Ramón Piñeiro. As dúbidas sobre a toponimia galega pódense resolver consultando o Nomenclátor oficial de Galicia, unha base de datos aloxada no sitio web da Xunta. Para saber cómo galeguizar o noso nome ou apelidos, ou para saber de nomes galegos para os nosos fillos, a Mesa fornece información sobre o procedemento, así como unha escolma de máis de 1.400 nomes galegos e unha selección de dúbidas sobre as formas de apelidos galegos. Tamén a través de Internet se pode acceder a empresas de traducción, ou ós servicios lingüísticos e de normalización do país, e, por exemplo, coñecer as súas axudas, como é o caso da Dirección Xeral de Política Lingüistica ou do Departamento de Lingua do Concello de Santiago. Para aqueles con angueiras de compromiso e activismo, os portais e páxinas web das organizacións en defensa da lingua, desde múltiples perspectivas: A Mesa, as Ciberirmandades da Fala, galego21, AGAL...
|