|
Pasa a folla O catálogo de publicacións do Sergas Unha queixa común entre os profesionais que intentan desenvolver en galego o seu labor –especialmente entre aqueles que traballan en ámbitos especializados– é a escasa cantidade de documentación técnica á que se pode acceder nesta lingua. Recoñecer que iso é verdade non é máis ca confirmar o evidente, pero non é menos certo que case sempre a cantidade de documentación técnica existente é maior do que moitos de nós pensamos, aínda que pola razón que sexa, esta non é coñecida polos seus usuarios potenciais. Por iso, é frecuente atoparmos arcas do tesouro de forma totalmente casual. Unha das últimas coas que nós demos foi o catálogo de publicacións do Sergas. Trátase dunha compilación de máis de 1200 referencias de todo tipo de materiais relacionados co ámbito sanitario (desde calendarios e cartaces ata manuais ou catálogos de produtos farmacéuticos), agrupados en 15 categorías: Atención primaria, Atención especializada, Prevención de riscos laborais, Urxencias sanitarias, Saúde mental, Farmacia, Información sanitaria, Planificación sanitaria, Saúde pública, Drogodependencias, Sociosanitario, Normativa, Publicacións periódicas, Contidos diversos e Servizos sociais. A maior parte deste fondo documental está redactado en galego (aínda que sorprende a súa exclusión case sistemática nalgunha das liñas de publicacións, como as promovidas pola Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia) e pode consultarse e descargarse a través de Internet. Evidentemente, non é este o lugar de facer unha descrición detallada das características deste catálogo –cando ademais calquera pode velo e opinar por si mesmo–, pero si nos parece interesante anotar algunhas das principais tipoloxías de traballos que atopamos na nosa “exploración”: – Unha parte dese material é documentación especializada dirixida a profesionais das diferentes áreas, como a atención primaria (realización de cirurxías menores, tratamentos da diabete, da hipertensión, información sobre anticoncepción…), a atención especializada (cancro de mama, hipoacusia neonatal…), a farmacia, a enfermaría, etc. Como vedes, poñémosvos diante unha arca chea de información ben diversa, na que todo o mundo pode atopar algo que lle resulte interesante. Só hai que entrar a remexer. |