|
Ciencias da Educación e a lingua galega (II) (Consultar a primeira parte en http://ocartafol.usc.es/con_creto.asp?OCartafol=7&Artigo=44) Dentro deste mesmo ámbito da docencia, semella haber máis converxencia lingüística cara ó galego ca cara ó castelán: se un alumno fai unha pregunta en galego, o 90% do profesorado mantén que lle responde nesta mesma lingua; e o 46% do profesorado di responder en castelán a unha pregunta dun alumno castelanfalante. Outro tipo de situacións profesionais, máis informais (falar co alumnado fóra da clase, con outros profes, ou co PAS) ou menos (intervir nun consello de departamento ou na Xunta de Facultade), resultan tamén máis favorables para o galego, aínda que o dato máis apareciable é unha maior converxencia cara á lingua do interlocutor: fronte ó 17% que dicía impartir as clases en galego e castelán (uns máis en castelán -12%- e outros máis en galego), a porcentaxe sobe ata o 22% no caso dos consellos de departamento, ata o 32% para falar co PAS, ata o 34% para falar cos alumnos fóra da clase, e ata o 46% cos compañeiros profesores. Por outra banda, o profesorado de Ciencias da Educación tamén é máis proclive a ofrecer en galego os programas de materias, exames e materiais didácticos. Xa que logo, apréciase que á par dun grupo bastante grande de profesores monolingües en galego no ámbito académico, e dun reducido de profesores en castelán exclusivamente, existe un segmento importante do profesorado cunha conducta lingüística neste eido máis variable, de tipo bilingüe, e que en xeral, demostra ter unha maior converxencia cara ó galego. En cuestión de actitudes e opinións o 42% dos que responderon pensan que a docencia da Facultade debería ser totalmente en galego, o 37% maioritariamente en galego, e só o 5% escolle a opción de maioritariamente en castelán. O estudio debúxanos un panorama moi favorable para o galego; en primeiro lugar, porque aínda que se basee en datos subxectivos (o que os docentes din saber, facer e pensar), e nunha mostra como a que é, Ciencias da Educación amósase como un centro cunha porcentaxe moi importante de docencia en galego. En segundo lugar, porque existe un grupo de docentes que utilizan tanto o castelán coma o galego, en diferente grao e medida, en diversas situacións académicas, que non presentan problemas de competencia lingüística importantes e que están concienciados de que o galego debe ocupar un espacio maior na docencia da facultade. É unha canteira que cómpre traballar. |