Voltar

O sentido das maiúsculas

Na escrita empréganse moitas veces as maiúsculas de maneira abusiva e de xeito incoherente. As razóns deste uso incorrecto hai que buscalas nunha cortesía mal entendida e unha pouca sistematización do seu uso. Son moitas, pero moitas, veces en que os correctores lingüísticos andamos a baixar as letras, na USC trocamos Rector* no canto de rector, case sempre sen éxito pois cando o autor rexeita a corrección as máis das veces. En confianza e de maneira grotesca chegamos a poñer rECTOR*, como indicación de que teñen o mesmo dereito estas letras de ir altas cá primeira. De todo isto non se tiran resultados; a tradición pesa. Cóntame un compañeiro que non poñer unha maiúscula nun cargo académico pode supoñer máis chamadas ca un asunto de verdadeira importancia. Imos ver cáles son as posibles razóns desta tendencia e clarexar certos usos. Como se vai ver, a utilización das maiúsculas non responde ó cumprimento de complicadas regras lingüísticas senón á aplicación do sentido común.

A letra maiúscula cumpre dúas funcións: a demarcativa, que vén determinada pola situación da palabra no texto e que non xera problemas na súa utilización (despois de punto escríbese con maiúsculas), e a connotativa, que vén determinada pola natureza da palabra. Esta segunda función é a que crea problemas na utilización das maiúsculas, debido á existencia de casos dubidosos e porque aquí é onde a tradición andou camiños equivocados difíciles de desandar agora. É certo que pode haber uns poucos casos que cren dúbidas, pero atendendo a unhas poucas normas non deberan causar demasiados problemas. Velaí están.

Sábese que os nomes propios van en maiúscula e os comúns en minúscula. Nunha estraña reformulación desta regra téndese a poñer os nomes que designan cousas importantes en maiúscula e os que gozan dunha categoría inferior en minúscula. Tamén se marcan, erroneamente, con maiúscula aqueles nomes que designan traballos, profesións, cargos que non son nada comúns. Velaí outro dos problemas: confúndese un nome común con cargo, profesión, etc. comúns. A palabra que designa o bispo de Roma -papa- é un nome común, coma bispo, cura ou sancristán, por máis ca no mundo só haxa -hoxe en día- unha persoa que teña esta xerarquía eclesial. Ou sexa a palabra papa é común malia designar un cargo nada ordinario, único.

Xa que logo, deben ir con minúscula: rector, vicerrector, xerente, profesor, xefe, director, o mesmo ca pintor, xardineiro ou auxiliar administrativo. Vexamos un exemplo:

O rector inaugurou as xornadas de novas tecnoloxías

Por outra banda, van con maiúscula as abreviaturas das fórmulas de tratamento: Excmo./ma.; Magfco./ca.; Ilmo./ma.; Sr./Sra. Sen embargo, na utilización plena van en minúscula: excelentísimo/-ma, ilustrísimo/-ma, señor/-ra, etc.

O excelentísimo señor rector magnífico / A ilustrísima señora decana

O Excmo. rector Magfco./ A Ilma. Sra. decana

Aínda que sempre sería moito mellor a renuncia a estas fórmulas de tratamento.

O rector da Universidade / A decana da Facultade

Escríbese tamén en maiúscula os nomes das entidades oficiais formalmente constituídas, sexan administrativas, políticas, comerciais, etc. Tendo en conta o contorno da USC, van en maiúscula: Claustro Universitario, Consello de Goberno, Servicio de Publicacións, Vicerrectorado de Profesorado, Facultade de Historia, etc. É importante destacar que os nomes deste tipo de entidades van en minúscula cando non denominan a entidade oficial, senón que se trata de nomes comúns: os vicerrectorados da Universidade de Santiago, os claustros das universidades do Estado español, etc.

Escríbense con maiúsculas os nomes das materias específicas, disciplinas, cátedras, os departamentos e as áreas de coñecemento.

Lingua Inglesa II

a Cátedra Buero Vallejo

o Departamento de Xenética

a Área de Economía de Producción Animal

Pola súa parte, escríbense con minúscula os tipos de estudio, etapas e ciclos formativos.

o ensino superior

os estudios de doutoramento

a licenciatura

Hai máis casos que non están aquí considerados. Os tratados teñen que ver cos máis usados na lingua do contorno da universidade. Son catro normas fáciles de lembrar e, pola súa utilización lóxica, non deberamos ter dificultade na súa aplicación. Só queda dar o paso de romper coa tradición e escribir con propiedade e con criterio.



Imprimir