|
Deseña para o galego e gaña para ti Actualmente hai convocados dous premios de deseño gráfico na USC: un, para toda a Universidade, co obxecto de fornecerlles un logotipo común ás comisións de normalización lingüística; outro, para o ámbito da Facultade de Bioloxía, co obxecto de ilustrar unha campaña de promoción da súa Comisión de Normalización. O primeiro está convocado pola USC, a través do Servicio de Normalización Lingüística, e co apoio económico da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Trátase de que as actuacións que levan adiante estas comisións se identifiquen mediante unha imaxe gráfica idéntica para todas, e que, ademais, se poida personalizar para cada unha delas. Así, os carteis, os vocabularios, os disquetes, os adhesivos, a papelería ou calquera outro soporte que plasme as accións dunha comisión non só ficarán ben identificados en canto á súa autoría, senón que transmitirán a sensación de conxunto e de unidade do proceso de normalización do galego na Universidade de Santiago. O premio deste concurso consiste en 800 €, e será outorgado por un xurado integrado polo secretario xeral da USC, o director do Servicio de Normalización Lingüística, tres representantes das cnl e mais un especialista en deseño gráfico e comunicación. O dictame do xurado emitirase o 9 de maio deste ano que andamos. Ó concurso poderá presentarse calquera membro da comunidade universitaria, que deberá entregar a súa proposta en papel e en formato dixital (TIF). Por outra banda, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Bioloxía tamén convoca, co apoio do SNL da Universidade e da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta, un concurso de deseño gráfico con lema para ilustrar unha campaña publicitaria en tres tipos de soportes (carteis, dípticos e autocolantes). A campaña busca dar a coñecer a existencia da devandita Comisión de Bioloxía no seo da facultade, así como promover as actitudes positivas cara ó uso do galego entre o seu alumnado, profesorado e persoal investigador, e PAS. Desta volta a posibilidade de participar restrínxese ós membros da comunidade universitaria que estudien ou traballen na Facultade de Bioloxía. Este concurso de deseño gráfico baixo lema ten un único premio de 500 € en libros. O xurado, formado por membros da Comisión de Normalización de Bioloxía, o decano da facultade, e un representante do SNL, fará público o seu dictame o 16 de maio. A entrega do premio terá lugar en xuño, nun acto académico con motivo do día mundial do ambiente, xunto coa presentación da campaña. Ámbolos concursos pechan o prazo para presentar traballos o 25 de abril de 2003. Pódese obter toda a información sobre os dous certames na páxina web do Servicio de Normalización Lingüística <http://www.usc.es/snlus>. |