|
É natural: a bioloxía tamén fala galego O pasado 14 de maio reuniuse o xurado designado para dictaminar o gañador do concurso de deseño gráfico baixo lema para unha campaña de difusión da existencia e das funcións da Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Bioloxía. Este concurso, promovido pola dita Comisión, foi apoiado economicamente pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O gañador do concurso, decidido por unanimidade do xurado e que se verá recompensado cun premio de 500 euros en libros, resultou ser Juan Lojo Rodríguez, alumno do centro. O xurado, formado polos membros da CNL os profesores Emilio Valadé del Río, Jesús Lamas Fernández e Manuel Noya Guldrís, presididos polo decano, Jaime Gómez Márquez, e coa asistencia como secretaria de Isabel Vaquero, do Servicio de Normalización Lingüistica, destacou o acerto do lema, e a elegancia na composición do deseño gráfico, así como o seu simbolismo. O xurado tamén tivo palabras de eloxio para o outro traballo presentado; cómpre lembrar que o concurso estaba restrinxido para as persoas que desenvolven a súa actividade no seo da Facultade de Bioloxía. Así mesmo, estimou a conveniencia de expoñer ámbolos traballos, e dado o seu reducido número, optouse por dalos a coñecer conxuntamente cos traballos presentados ó concurso do logotipo para as comisións de normalización, que, como se pode ver nestoutra nova do Cartafol <http://ocartafol.usc.es/con_creto.asp?OCArtafol=8&Artigo=48>, se inaugurará o día 10 de xuño na Facultade de Xeografía e Historia. Co deseño gráfico e o lema gañador, a Comisión vai editar carteis e adhesivos que difundan a súa existencia en Bioloxía, así como uns folletos, a través dos cales darán a coñecer as súas funcións e as canles de participación. A presentación destes materiais, así como o acto de entrega do premio, terán lugar nun acto que se desenvolverá no centro proximamente co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente. |