Voltar

Pasa a folla

Breviarios, O saber de peto

Coleccións para a divulgación científica e cultural en galego

Sempre cómpre saudar como unha boa nova o feito de que o galego se vaia asentando nun oco do mercado editorial no que a súa presencia era escasa, e se por riba ese oco está vinculado a ámbitos científicos e tecnolóxicos desde o Servicio de Normalización da USC (1)  e desde unha publicación como O Cartafol temos que congratularnos especialmente dese feito.

Este limiar vén a conto porque hoxe queremos presentarvos dúas coleccións que cumpren esas condicións: trátase de series de monografías divulgativas que poñen nas nosas mans nun formato moi manexable e a un prezo inferior a 5 euros, unha panorámica actualizada sobre cuestións concretas de áreas tan diversas como política internacional, ecoloxía, enxeñería xenética, belas artes ou economía.

A primeira delas é a colección "Breviarios" (Ed. Laiovento) (2), dentro da cal se publicaron entre 1995 e 1998 títulos como:

  • Bibliotecas para todos, de María Gutiérrez Calvete
  • De Breogán aos pinos: o texto do Himno Galego, de Manuel Ferreiro
  • China, a próxima superpotencia e Hong Kong, camiño de volta, ambos de Xulio Ríos
  • Contaminación e saúde: o efecto invernadoiro e os furados de ozono, de Ramón Varela
  • Os xenes e o futuro humano, de Daniel Soutullo
  • ¿Qué é o cancro?: unha resposta simplificada, de Avelino Senra Varela
  • Tabaquismo, epidemia do século XX , de Luís Domínguez Juncal
  • Eis os láseres, de Eduardo García Parada

Despois de catro anos de silencio nos que a colección pareceu esmorecer, no pasado ano 2002, reviviu con novos pulos e deu ó prelo tres títulos centrados en historia de Galicia (O agrarismo galego, de Carlos Velasco Souto), literatura (A novela policial: unha historia política, de Xesús González Gómez) e enxeñería xenética (A quimera do xenoma humano, de Richard Charles Lewontin).

Unha iniciativa semellante a esta é a que desde o ano 2000 leva adiante a editorial Lóstrego a través da colección "O saber de peto". Gracias a ela neste trienio viron a luz doce pequenas monografías sobre:

  • historia das relixións: As relixións do mundo, de Ana María Suárez Piñeiro, e 2000 anos de cristianismo, de Jesús Fernández Sulleiro
  • etnografía: As festas rituais de Galicia, de Ana María Suárez Piñeiro
  • historia: Os celtas, de Antonio Balboa Salgado, e mais Os romanos en Galicia, de Ana María Suárez Piñeiro
  • belas artes: Historia do cine, de Antonio Balboa Salgado; A música rock, de Antonio Balboa Salgado e Ana Balboa Salgado, e A música clásica, de Beatriz Prieto Diéguez
  • deporte: As olimpíadas, de Ana María Suárez Piñeiro
  • economía: A Unión Europea e o euro, de Antonio Balboa Salgado
  • ecoloxía: A ecoloxía, de Catalina Cepeda Pereira e Dolores Vázquez
  • astronomía: O universo, de Manuel Mateos Santamaría

Evidentemente, traballos coma estes non cobren -tampouco o pretenden- as necesidades dos expertos das diversas áreas de estudio, pero si son unha útil vía de achegamento para o lector medio que busca información xeral sobre determinados temas, ben para realizar a partir de aí afondamentos posteriores, ben para adquirir claves interpretativas que lle permitan asimilar moitas das informacións que se poden ver nos medios de comunicación e que desbordan o nivel de coñecemento dos non-iniciados nesas materias.

Xa que logo, só nos queda desexar que as dúas coleccións prosigan a súa andaina ampliando o abano de temas para o que nos fornecen guías básicas de información, e actualizando con frecuencia os traballos en determinadas áreas que polas súas características (pénsese en áreas como a ecoloxía ou a enxeñería xenética) evolúen con moita rapidez en paralelo ós avances tecnolóxicos.

  1. <http://www.usc.es/~snlus/>
  2. <http://www.laiovento.com/index2.htm>



Imprimir