|
Pasa a folla Profesionaliza a túa lingua De entre os servizos lingüísticos das universidades galegas, o da Coruña foi o que máis tardou en atender á elaboración e á difusión de vocabularios terminolóxicos. Pero hai que recoñecer que… cando se puxeron, puxéronse! No ano 2004, a iniciativa «Profesionaliza a túa lingua» resultou gañadora do I Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras desa Universidade na categoría de Campañas. A proposta pretendía potenciar o uso do galego na docencia e na investigación universitaria elaborando vocabularios específicos para diversas titulacións desa universidade, que despois serían empregados nunha serie de obradoiros prácticos dirixidos a docentes. A partir de 2005 a Universidade decidiu levar á práctica ese proxecto e desde aquela elaborou e editou un total de once vocabularios, amais de realizar tamén un bo número de obradoiros. Desa forma, hoxe conta con glosarios que atenden as áreas de arquitectura, informática, enfermería/podoloxía/ fisioterapia, dereito, bioloxía, económicas e empresariais, socioloxía, matemática, física e química, construción naval e deportes. Pero curiosamente, a pesar de formar parte do mesmo proxecto xeral, os diferentes traballos presentan unha grande heteroxeneidade en canto á súa estrutura e á información que recollen. Así, atopamos algúns («Matemática», «Física e química», «Socioloxía»…) que adoptan a forma de glosario galego-castelán, mentres que outros («Construción naval», «Deporte»…) estrutúranse en sentido inverso. Pero ademais, algúns presentan definicións («Construción naval»), outros, exemplos de uso («Socioloxía»), e outros aínda, indicacións propias dun dicionario de dúbidas («Deporte»). Tampouco hai homoxeneidade á hora de incluír ou non índices de entradas, nin ao seleccionar a información que neles se cita en caso de incluílos. Non sabemos se estas diferenzas veñen motivadas por razóns prácticas (adaptarse a requirimentos manifestados polos diversos colectivos de docentes, por exemplo), pero o que si é certo é que dificultan o manexo deste conxunto de vocabularios como unha colección, xa que quen consulta debe cambiar a súa estratexia de busca ao pasar dun traballo a outro. Tamén se observa un gran pragmatismo á hora de seleccionar as entradas que compoñen os traballos. Déixanse a un lado criterios estritos, que levarían a recoller unicamente conceptos propios de cada unha das disciplinas, e óptase por incluír tamén palabras comúns que se consideran problemáticas: axuste, estrela, fixar, soster… en «Matemáticas»; auga, cor, dúbida, leste… en «Deporte»; fío, iogur, ler, pé… en «Física e química», etc. Se queredes dispoñer dalgún destes traballos podedes dirixirvos ao SNL para solicitar exemplares en papel, ou ir a este enderezo, desde o que se poden descargar catro deles en formato .pdf |