Voltar

a “pneumonía atípica”... ¿pódenos ensinar lingua?

Ultimamente, fálase abondosamente nos medios de comunicación dunha nova enfermidade respiratoria coñecida como pneumonía atípica ou pneumonía asiática, “a primeira epidemia do século xxi”, da que podemos atopar na Rede gran cantidade de información (vid. http://www.sergas.es/gal/default.asp, http://www.lavozdegalicia.es/inicio/index.htm ou http://www.elmundo.es/elmundosalud/2003/04/07/medicina/1049712492.html, por poñer algúns exemplos).

Pero o motivo polo que a mencionamos aquí é, por raro que pareza, lingüístico: a rapidez coa que a nova doenza se converteu en tema mediático -e polo tanto precisou ser denominada en castelán e en galego, no noso ámbito máis achegado- permítenos observar case en directo algúns fenómenos relacionados tanto co paso dun concepto da lingua especializada á lingua común, como coa incorporación ó galego dun termo procedente doutra lingua.

a) A aparición de varias denominacións

As primeiras veces que escoitamos falar desta doenza era designada co seu nome técnico traducido directamente do inglés: síndrome respiratoria aguda severa (de severe acute respiratory syndrome). Pero a medida que o concepto ía sendo cada vez máis coñecido, facíanse precisas denominacións menos técnicas e máis descritivas e comprensibles para o receptor da información, aínda que perdesen parte da súa precisión: así foron aparecendo e gañando terreo pneumonía atípica e pneumonía asiática. O resultado final é a coexistencia de formas técnicas (a primeira) e outras cun carácter máis divulgativo para referirse á mesma realidade.

b) O proceso de fixación dunha sigla para ela

A denominación técnica da enfermidade era tamén coñecida en inglés a través da sigla formada polas súas iniciais (SARS). Cando se comezou a facer referencia a ela na prensa galega, empregábase directamente a sigla importada, pero ós poucos foise implantando a sigla SRAS, creada internamente en galego tomando como base o nome da doenza nesta lingua.
Esto sérvenos para lembrar que a forma das siglas non é, coma a dos símbolos, idéntica entre as diversas linguas. Dentro de calquera idioma, podemos atopar algunhas que se importaron sen ningunha modificación (como CPU -Central Processing Unit-, UNESCO -United Nations Educational Scientific and Cultural Organization-) e outras que se crearon na lingua receptora despois de traducir a denominación que aquelas abrevian, como SIDA (Síndrome de inmunodeficiencia adquirida) ou OMS (Organización Mundial da Saúde).

En principio, parece preferible que as siglas coincidan coa denominación completa en galego, pero esta posibilidade de “elixir” a forma delas só existe mentres non acadan unha forma definitiva e coñecida pola maioría dos usuarios do idioma. Despois, a sigla pasa a funcionar practicamente como un sinónimo da denominación completa que se se ve alterado pode afectar a comprensión da información. No caso da enfermidade que nos ocupa parece que estamos aínda nesta nova etapa, e por iso podemos documentar unha nova sigla (SRAG) <http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20030520/Descubrir/N416.asp> dependente dunha nova denominación -síndrome respiratoria aguda e grave-, que comentaremos a seguir.

Cando se fala da influencia do inglés sobre as outras linguas, é frecuente que se lle preste moita atención á importación de palabras desta lingua (software, pub, escáner...); pero hai moitas menos mencións a outros casos nos que unha palabra inglesa é traducida por outra galega que se parece a ela formalmente pero que designa un concepto diferente (college por *colexio e non por facultade; crime por *crime e non por delicto ou sensitive por *sentitivo e non por sensible, por poñer algúns exemplos). Estes casos, coñecidos no ámbito da traducción como “falsos amigos”, converten en supostos sinónimos palabras que non o son (“crime” e “delicto”, “sentitivo” e “sensible”...) e distorsionan o significado da palabra sobre a que recaen, ó engadirlle valores que non lle corresponden.

A traducción de severe por *severo en vez de por grave é outro exemplo dese fenómeno, como se sinala para o portugués <http://usuarios.cultura.com.br/jmrezende/falsoscognatos.htm> e para o castelán <http://www.geocities.com/WestHollywood/Heights/7083/falsos.htm>. Por ese motivo, algunhas propostas intentan estender o uso de síndrome respiratoria aguda e grave, evitando a falsa traducción imitativa do inglés.



Imprimir