Voltar

Nova convocatoria de axudas para 2003

Máis unha vez, a Universidade de Santiago de Compostela abre unha convocatoria de axudas para as teses, memorias de licenciatura e proxectos de fin de carreira que se redacten e defendan en galego durante o ano 2003.

O obxectivo da convocatoria é promover o uso do galego na investigación básica, para o cal as axudas contemplan dous tipos de incentivos: por unha banda, a axuda lingüística e terminolóxica do Servicio de Normalización Lingüistica durante o proceso de redacción; pola outra, unha subvención ós gastos de fotocopiado e encadernación dos traballos, que é dun máximo de 300 euros, no caso das teses, e de 125 e 100 € no caso de memorias de licenciatura e proxectos de fin de carreira.

A axuda lingüística e terminolóxica non se limita a un prazo fixo: os redactores destes traballos poden poñerse en contacto co Servicio de Normalización Lingüística <http://www.usc.es/snlus> para resolver as súas dúbidas ou para solicitar a corrección do traballo (por partes ou na súa totalidade), en calquera momento da redacción. Ademais, o SNL convoca os cursos de optimización lingüística e do deseño de traballos de investigación como apoio á redacción destes traballos en galego. Na páxina <http://www.usc.es/~snlus/formac.htm#Curso de optimización> atoparás información sobre estes cursos.

A axuda económica cómpre solicitala no Rexistro Xeral da USC dentro do mesmo ano natural en que se se defende a tese, a memoria de licenciatura ou o proxecto de fin de carreira. En calquera dos tres casos, hai que presentar o formulario de solicitude cuberto, os xustificantes dos gastos de fotocopiado e encadernación, declaracións de membros do tribunal de que a redacción e defensa se realizou en galego e datos bancarios.

Estas axudas comezaron a súa andaina no ano 1994, primeiro cinguidas á redacción das teses, baixo o lema 'Fai a túa tese en galego. Sairache mellor', para estendérense paseniñamente tamén ó caso das memorias de licenciatura e proxectos de fin de carreira. Podedes informarvos sobre os seus resultados ó longo destes anos no seguinte artigo de O Cartafol, e ler a convocatoria e copiar os formularios en formato PDF no enderezo <http://www.usc.es/snlus/axudas.htm>




Imprimir