|
Pasa a folla Un reto proveitoso As persoas que algunha vez tiveron que buscar información no web da Unión Europea, rara vez a atopou doadamente. E iso incluía ata agora calquera información relacionada coas linguas. Así, por exemplo, na páxina sobre as políticas da Unión Europea, as relacionadas cos idiomas distribúense en dúas: Multilingüismo (á vista baixo o epígrafe de políticas transversais) e Linguas e multilingüismo (agochada en Educación e formación, baixo o epígrafe de Cultura, educación e mocidade). Como consecuencia da necesidade da UE de facilitar o acceso á inxente información que produce, nace o Portal das linguas de Europa. O web é consultable nas 23 linguas oficiais da UE, cando menos nos seus contidos máis fixos. Entre esas 23 linguas oficiais, como sabemos non figura o galego, aínda que si poidamos dirixirnos en galego ás institucións europeas. O web artéllase arredor de seis temas principais (nun menú á esquerda), dos cales á súa vez se poden consultar diversos aspectos (política, actividades, axudas, publicacións, servizos, novas...) de xeito que se poida atopar dodamente o que se busca, aínda que non se estea familiarizado coa estrutura institicional da UE. O primeiro tema é o da diversidade lingüística, un dos valores básicos da UE. O artigo 22 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, adoptada en 2000, declara o respecto da UE pola diversidade lingüística e aplícase non só ás 23 linguas oficiais da UE, senón tamén á multitude de linguas rexionais e minoritarias faladas por diversos grupos de poboación. A Unión Europea non quere ser un crisol redutor das diferenzas, senón un espazo que aprecia a diversidade como fonte da propia cohesión europea. Dúas son as liñas principais de actuación política neste senso. Por unha banda, a promoción do multilingüismo: malia que o inglés se está a implantar como a lingua más estendida en Europa, a UE non quere que provoque a redución da diversidade lingüística. Por iso a Comisión Europea pretende que o meirande número de europeos sexa capaz de falar dous idiomas ademais do seu. Deste xeito, a política de formación lingüística devén unha das chaves da UE. Por outra banda, a Unión fomenta también o uso das linguas rexionais ou minoritarias, que non son linguas oficiais da UE pero que falan uns 50 millóns de habitantes (algo máis do 10% da poboación) nos Estados membros e forman parte do noso acervo cultural. Ligados ao tema da diversidade lingüística, que como vimos é o fundamento da política lingüistica da Unión Europea, artéllanse os restantes temas do web: a aprendizaxe de idiomas, a ensinanza de idiomas, a tradución, a interpretación e as tecnoloxías da linguaxe, que se entenden como ferramentas de apoio ao multilingüismo e ao respecto á diversidade. Un reto proveitoso A definición da política lingüística da UE non é asunto pechado. A Comisión Europea e o comisario de Multilingüismo da UE encargáronlle a un grupo de de intelectuais que asesorasen á Comisión sobre a contribución do multilingüismo ao diálogo intercultural. O pasado 30 de xaneiro, o grupo, presidido por Amin Maalouf, entregou o seu informe, titulado «Un reto proveitoso» (consultable en galego no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística), que presenta propostas sobre cómo as lenguas poden fomentar o diálogo intercultural e a comprensión mutua, establecendo un vínculo claro entre a diversidade lingüística e a integración europea. A partir destas conclusións debaterase na primeira Conferencia Ministerial sobre Multilingüismo, que se celebrará o 15 de febreiro. O Grupo céntrase nos cidadáns que teñen unha «segunda lingua materna», que tamén denominan unha «lingua persoal adoptiva», coa que se identifican por motivos persoais ou profesionais. |