Voltar

Novas tecnoloxías, innovación educativa e galego

¿Como se organiza un curso coma este?


A nosa filosofía parte da interdisciplinariedade e da optimización dos recursos públicos da USC. Organizamos un programa que contempla as distintas áreas que pretendemos desenvolver: incorporación das TIC á docencia universitaria, normalización lingüística, elaboración de material docente propio, interactividade e coordinación dos equipos docentes...


Logo contactamos cos servicios que constitúen o equipo que colaborará na impartición do curso: profesores usuarios do web docente, Servicios Informáticos, CCIETIC e Servicio de Normalización Lingüística.


Para financiar un proxecto coma este, ademais do apoio expreso de noso decano para dispoñer dos recursos de Psicoloxía, contamos cunha axuda económica específica da Xunta de Galicia, tramitada polo SNL da USC, dentro da convocatoria anual de axudas a proxectos das comisións.


Agora estamos na fase de formalización definitiva dos detalles, para que o curso poida iniciarse en setembro.


¿En que vai consistir?


Trátase de aprender a construír e utilizar na docencia as páxinas web, partindo da elaboración e manexo dunha primeira, baseada no propio material que achegue cada profesor/a, durante este curso. As sesións de aula compleméntanse con sesións de apoio personalizado no despacho do profesor/a, que terá dereito á actualización dos recursos informáticos e ó apoio lingüístico que precise.


Para participaren, os profesores deberán presentar o programa da materia que imparten e o material para unha lección, sobre o que se construirá (e ensaiará en contexto docente) un web específico en galego durante o curso na rede da USC.


¿Que resultados concretos, a prol do galego, se conseguirán?


O uso normal do galego aproveitando a aprendizaxe do manexo de novas tecnoloxías e de destrezas docentes que resultan moi atractivas -e necesarias- para o profesorado.


Máis concretamente, permitiranos coñecer necesidades do profesorado para usar o galego na actividade docente, e superalas, mediante recomendacións xerais a tódolos participantes e indicación de recursos para a aprendizaxe personalizada, e para consultas e corrección de textos.


¿Pódese extrapolar para o resto da USC?


Esta iniciativa de normalizar asemade o idioma, o emprego de novas tecnoloxías e a actualización metodolóxica educativa, adaptándonos ás necesidades específicas de cada docente, resulta innovador na formación do profesorado. Pode constituír o inicio dun programa máis amplo e ambicioso que pode estenderse a outros centros.




Imprimir