|
O parágrafo Na escrita, o parágrafo é cada anaco dun escrito que se considera suficientemente diferenciada do resto para separalo cun punto e á parte. O parágrafo serve para estruturar lo contido do texto e para mostrar formalmente esta organización. Á parte disto, unha boa distribución dos parágrafos invitarannos á lectura da páxina. Cassany, en La cocina de la escritura, recomenda flexiblemente que unha páxina teña entre tres e oito parágrafos e cada un deles teña tres ou catro frases. Esta recomendación, por suposto, débese considerar nada máis que como unha referencia do que debe ser unha páxina ben estruturada. A racionalización do tamaño dos parágrafos debe ocuparnos certo tempo. Non debemos pensar que é unha tarefa inútil a súa reestruturación; sorprenderanos a mellora visual e na configuración dos contidos que lograremos ao facelo. O parágrafo por diante Se temos en conta o comezo da primeira liña dos parágrafos, podemos diferenciar tres estilos principais. O que máis se utiliza hoxe (o moderno) é o que se marca cun maior espazo entre parágrafos, isto non quere dicir que o que sangra a primeira liña non se utilice con certo hábito. O que si debemos ter claro é que non se debe combinar as dúas marcas de cambio de parágrafo, é dicir, sangrar a primeira liña ao tempo que se separan os parágrafos cun espazo maior entre uns e outros.
• Parágrafo corrente: leva unha sangría na primeira liña. Non leva espazado posterior, pois enténdese que a sangría é xa unha marca de cambio de parágrafo.
Unha pouca cinza, Suso de Toro • Parágrafo moderno: non leva sangría ningunha. Entre parágrafo e parágrafo debe levar un espazo maior ca o interliñado normal, normalmente un 50% máis. Deste xeito se estamos a escribir cun corpo de doce puntos o interliñado entre parágrafos debe ser de polo menos dezaoito. Isto ten que ser así pois se un parágrafo remata ao final de liña non saberiamos distinguir se hai un punto e á parte ou un punto e seguido.
Unha pouca cinza, Suso de Toro • Parágrafo francés: sángranse todas as liñas agás a primeira. Úsase sobre todo en bibliografías e en textos moi particulares como dicionarios, obras de teatro, etc. Este tipo de parágrafo tampouco leva espazos entre parágrafos. O parágrafo por detrás Se clasificamos os parágrafos pola composición, temos catro tipos: a composición xustificada na que todas as palabras rematan á mesma distancia dos bordos da páxina; a centrada, onde o que determina a composición do parágrafo é que toma o centro da páxina como referencia estendéndose cara aos bordos segundo sexa a extensión da liña e as composicións en bandeira, que poden ser aliñadas pola esquerda ou pola dereita As máis utilizadas son as dúas primeiras destas catro mostras (a xustificada e a aliñada pola esquerda). As outras dúas composicións empréganse para partes excepcionais do documento, pero non para o formato normal. (Tirado do (breve) Manual de estilo universitario) |