Voltar

Pasa a folla

Dicionario ilustrado do comercio

A importancia que o mundo económico, empresarial e comercial ten para a promoción do uso do galego é algo que está fóra de toda dúbida. Esa relevancia fixo que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega o tratase como un dos sete sectores nos que centraba as súas medidas de intervención, ou que desde o executivo se inclúan cláusulas de garantía dos dereitos lingüísticos nas propostas de reformas lexislativas.

Nun plano ben diferente, como é o da elaboración de recursos que faciliten o emprego do galego nas relacións comerciais, a Federación Galega de Comercio e a Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Industria e Innovación da Xunta de Galicia, presentaron e distribuíron a finais do pasado 2008 o Dicionario ilustrado do comercio, que agora xa se pode consultar e descargar en versión electrónica.

A pesar do seu nome, só dous dos seus cinco bloques de contido –o cuarto e o quinto– se corresponden co que habitualmente entendemos por dicionario ou vocabulario.

  • O primeiro e o segundo compleméntanse de tal forma que case se poderían presentar como unha soa unidade. Se en «Nas tendas I. Produtos e servizos» se recollen os nomes galegos dos produtos e servizos que se ofertan nos principais tipos de establecementos comerciais –carnizaría, ferraxaría, mercería, peixaría…–, en «Nas tendas II. Mercando e vendendo en galego» preséntanse expresións e situacións comunicativas moi frecuentes en cada un deses establecementos.
  • O terceiro («No comercio a cotío. Expresións máis frecuentes») compila as expresións máis habituais de saúdo e despedida, de información básica, de entrega e recollida de produtos… que son comúns a toda a tipoloxía de establecementos tratada nos bloques I e II.
  • O cuarto é un «Glosario de termos económico-comerciais» no que se recollen e definen perto de 200 entradas propias desta área de especialidade.
  • No quinto preséntase un «Vocabulario comercial galego-castellano-english» no que se presentan versións trilingües de todo o léxico e as expresións presentes no conxunto da obra, ordenadas alfabeticamente en función do nome galego.

Nos catro primeiros a información vai apoiada por ilustracións, pero neste caso o seu valor é tanto ou máis estético –as ilustracións alixeiran e melloran a presentación do traballo, en por si xa moi coidada– ca propiamente informativo, pois non axudan significativamente á hora de identificar os conceptos tratados.

En conxunto, trátase dun material interesante para poder potenciar o emprego do galego nas relacións comerciais, sempre que a súa edición se complemente con iniciativas de formación e sensibilización, que integren o léxico e as fórmulas aquí recollidas en estratexias máis completas de atención ao público, e con novas medidas de promoción que incentiven o seu uso.




Imprimir