|
Pasa a folla Dicionario de física Unha das áreas especializadas peor dotada ata agora no referente á produción de traballos terminográficos en lingua galega era a de física: o material existente limitábase a un traballo de case 20 anos de antigüidade (Léxicos: matemáticas, física, química) e ao léxico técnico recollido nos dicionarios de lingua xeral. Afortunadamente, a situación mellorou desde o verán de 2005, ao abrir Baía Edicións a súa colección “Dicionarios temáticos Baía” cun Dicionario de física, obra de Ramón Vilalta López, Juan José Guillín Fraga e Antonio Varela Caamaño. Trátase dun dicionario con entradas e definicións en galego, que se completa cunha serie de apéndices (de Sistemas de Unidades e Equivalencias, Constantes Físicas Fundamentais, Partículas subatómicas…) e cun glosario inglés-galego. Na nosa opinión, o primeiro aspecto salientable é o propio feito de que se trate dun dicionario, sen dúbida un tipo de traballo terminográfico de moita máis entidade e complexidade ca un vocabulario. Mellor sería aínda se canda as definicións se incluísen os equivalentes en inglés e castelán das diferentes formas galegas, xa que o glosario devandito só permite a consulta desde o inglés, e amais, só recolle denominacións para unha parte das entradas. Tamén nos parece interesante destacar a mentalidade pragmática con que o Dicionario se concibiu. En lugar de deseñar un produto dirixido a un colectivo moi determinado de profesionais, búscase cubrir necesidades de usuarios tan diferentes como o estudantado de secundaria, o estudantado universitario, docentes, persoas interesadas pola materia… Este afán por chegar a todos eles podemos velo en diferentes aspectos: En relación coa selección de conceptos, os propios autores advírtennos de que “o dicionario trata de dar cabida a unha ampla colección de termos empregados tanto na física clásica como na moderna, así como disciplinas que se solapan coa física: química, astronomía, informática…” (páx. 7). Con esa información, non nos sorprenderemos de atopar definicións para DVD, ouro, hipérbole, álxebra ou arco iris, por citar algúns exemplos. Igualmente, ao enfrontarse ás definicións, combinan un nivel limiar de tecnicidade na descrición de conceptos básicos como velocidade, traballo ou panca con outro máis avanzado para termos como supercordas, fórmula de Debye-Langevin ou spartícula, co fin de adaptarse ao nivel de coñecementos que cabe supoñerlles ás persoas que consulten cada unha desas entradas. Posiblemente, ese mesmo pragmatismo é o que explica a presenza nas definicións de marcas (asteriscos) que sinalan qué outros conceptos están definidos no dicionario; ou o que xustifica que determinadas definicións (por ex: teoría de bandas) se asemellen máis ás dunha enciclopedia ca ás que cabería atopar nun dicionario especializado; ou o que leva a incluír definicións de nomes propios como Fermilab, Uranometría, Fobos, Deimos, CXPM… No que ten que ver coas entradas, os autores evitan adoptar unha posición prescritiva (non marcan ningunha como incorrecta), pero tampouco se quedan nun plano puramente descritivo, como sería presentalas todas nun plano de igualdade. O que fan, –aínda que non se indica de xeito explícito– é adoptar un criterio que poderiamos cualificar de recomendador, distinguindo entre formas preferibles e formas aceptables. Mentres as primeiras aparecen no corpus de entradas levando ao lado a definición que as describe, ás segundas só as acompaña unha remisión á entrada que se considera máis adecuada. Así é como se presentan boa parte das unidades físicas: ampere, coulomb, volt ou watt acompáñanse das definicións correspondentes, pero en amperio, culombio, voltio ou vatio limítanse a redirixirnos cara ás primeiras. Nuns poucos casos, como por exemplo Big Bang e Gran Explosión, os autores optan por non recomendar ningunha das dúas denominacións, e optan por incluír definicións en ambas as dúas. Nesta forma de tratar a sinonimia só topamos de menos que nas entradas con definición se citasen as outras denominacións que se consideran aceptables, xa que de non ser así, quen consulta non ten forma de acceder a esa información. Para acabar, queremos darlle os parabéns á editorial por entrar nunha liña de publicacións –a dos dicionarios especializados– pola que a iniciativa privada non veu amosando un grande interese, e agardar que tras deste número 1 chegue axiña o 2, o 3… |