|
Estudo con interrogantes Estudio/ estudo Xa sabemos que o verbo é estudar, e que existe tanto un substantivo estudo: a acción e o efecto de estudar ou a investigación que se fai sobre un tema; sabemos tamén que existe a forma verbal conxugada: eu estudo. Seguindo esta regra debemos escribir de igual xeito as formas pertencentes á familia de estudar: estudoso, estudante, estudantado, etc. Se cadra por isto abráianos que o corrector ortográfico non detecte como erro a palabra estudio. A razón é que estudio tamén é unha forma válida se con ela nos estamos a referir a un lugar ou a un local. Daquela, debemos pararnos un chisco a considerar o contexto en que aparecen as palabras estudo e estudio, para nós determinar se están utilizadas as formas, alén do que sinale o corrector ortográfico. Con/sen interrogación? Desde a aprobación da nova normativa vemos textos que só utilizan os signos de admiración e interrogación ao final de cada enunciado e outros que a utilizan ao principio e ao final. A entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medio de signos ? e !, respectivamente. Na orixe, o signo de interrogación situábase só ao remate, e esta segue sendo a práctica máis frecuente entre as linguas do noso ámbito. Mais hai que ter en conta que en moitas destas linguas a frase interrogativa contén marcas gramaticais que sinalan claramente o inicio da interrogación. Outras linguas, pola contra, carecen destas marcas gramaticais, de xeito que, se non se sinalan graficamente ao inicio da entoación esta queda en moitos casos sen marcar (entre estas linguas está o galego). Na nosa lingua o único que diferenza unha oración interrogativa doutra enunciativa é a distinta entoación xa dende o principio; para advertir o lector esta diferenza, é conveniente marcar cun signo de interrogación o punto en que se produce o cambio cando houber calquera dúbida de interpretación: vou contigo ao teatro, ¿ou queres que quede?; ¿vou contigo ao cine, ou queres que quede? |