Voltar

Previsións de uso do galego na docencia no curso 03-04

O desenvolvemento do Espacio Europeo da Educación Superior, que permitirá a mobilidade dos estudiantes, e facilitará a súa integración no mercado laboral europeo, require un sistema adecuado de equivalencias e de recoñecemento de estudios. Esta necesidade deu orixe ó Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS), centrado sobre o eixe común do crédito europeo.



Un punto chave do sistema é a utilización de documentos normalizados, como mínimo en formato bilingüe, dispoñibles desde as páxinas web das universidades, que subministren información sobre os programas de estudios e os resultados obtidos polos estudiantes. Entre eles sobrancea a guía docente, que debe conter toda a información relevante da institución e dos programas de estudio, con detalle das materias e dos créditos asignados a cada unha delas.  Precisamente, na proposta de contidos para elaborar a guía docente no referido ás materias de cada titulación1, recóllese entre outros extremos o idioma en que se imparten (1).



A USC decidiu utilizar o Plan de Ordenación Docente (POD) como unha das fontes de información para elaborar parte dos contidos destas guías, razón pola cal se incluíu, entre os ítems que cumpría cubrir, un referido á lingua da docencia. Deste xeito, unha vez que o POD estea dispoñible en liña a través do web da nosa universidade (así como a restante información das guías docentes), calquera persoa que desexe estudiar na nosa Universidade poderá elixir con máis fundamento as titulacións e materias en que desexa formalizar a súa matrícula. Así non debería producirse ningún tipo de problema a posteriori, por exemplo, no caso de estudiantes provenientes dos programas Erasmus ou Sócrates, por razón da lingua en que os profesores imparten as materias (2).



Por outra banda, a obtención deste dato, aínda que se trate dunha previsión, permítelles ós departamentos facer estimacións sobre a docencia en galego que realmente imparten, punto de partida imprescindible para poder fixaren un obxectivo de maior incorporación do noso idioma, dentro do marco do Plan de Normalización Lingüística da USC.



 



1 Vid. por exemplo, o informe técnico El Crédito Europeo y el Sistema Educativo Español en http://www.crue.org/espaeuro/encuentros/credito.pdf.
2 Convén salientar, ademais, que para o vindeiro curso, os estudiantes destes programas contarán con información previa á súa chegada verbo da situación das linguas en Galicia e na USC, así como posibilidades de acceder a formación en lingua galega.




Imprimir