|
Pasa a folla Dicionario visual da construción Unha imaxe vale máis ca mil palabras. Algo moi semellante a iso debeu pensar o equipo de persoas que se puxo a elaborar o recurso electrónico que hoxe vos presentamos. Trátase do Dicionario visual da construción, un glosario bilingüe galego-castelán que recolle e ilustra máis de 6500 termos relacionados con esta área profesional. O ámbito que poderiamos etiquetar como “urbanismo e construción” xa recibira a atención doutros dicionarios e vocabularios, como o Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura (1998), o Léxico da construcción (2001), o Diccionario galego da construcción en Internet, e dunha morea de obras especializadas que inclúen apéndices e glosarios léxicos; aínda así, ningunha acadara o volume de entradas deste Dicionario. Con todo, a súa gran novidade atópase no adxectivo “visual”: no canto de describir os conceptos a través de definicións, colócanolos diante dos ollos por medio dunha ilustración, como podemos ver neste exemplo. Esta liña de traballo incardínase na ampla nómina de dicionarios visuais xa publicados nas linguas do noso contorno, pero que en galego restrinxira polo de agora os seus froitos á lingua común (Diccionario visual galego-inglés, Vocabulario temático ilustrado…) mentres que no ámbito especializado non se fora aínda máis alá do formato de dicionario ilustrado*. Neste tipo de traballos a elaboración das ilustracións cumpre un papel relevante, non só porque precisan dun alto grao de calidade na medida en que funcionan como definición, senón tamén porque condiciona qué entradas poden incluírse. Os autores do Dicionario optaron por unha solución mixta, reaproveitando os deseños do Diccionari visual de la construcció publicado pola Generalitat de Cataluña en 2003, pero adaptándoos naqueles casos en que a traslación directa deixaría fóra da publicación galega conceptos relevantes e incluiría outros superfluos. Por exemplo, desaparece unha torre de vixilancia do Diccionari, para ser substituída por un hórreo na obra galega. O terceiro aspecto novidoso e salientable (á parte da propia existencia do volume e do seu número de entradas) é o feito de apostar desde un primeiro momento pola difusión do produto a través da Internet, non só baleirando os contidos do libro (como se fixo no caso catalán), senón deseñando unha interface específica que nos permite acceder a eles de formas diversas:
|