|
Pasa a folla Novas palabras, Voc. de economía, Voc. xurídico-admvo. No primeiro trimestre de 2005 a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo deu ao prelo tres novos volumes (6, 7 e 8) da colección “Materiais lingüísticos”. Trátase dos traballos Novas palabras galegas, Vocabulario de economía e Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán, os cales, aínda contando con enfoques (1) e obxectivos diferentes, teñen en común o seu afán por contribuír á descrición ou á fixación do corpus léxico do galego. Neste “Pasa a folla” faremos unha breve descrición destes tres traballos, atendendo especialmente aos dous últimos xa que cremos que poden ser os máis interesantes para os que estades a ler estas liñas. Novas palabras galegas, elaborado por un amplo grupo de investigadores do Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, non é nin pretende ser un diccionario normativo, pois non opina sobre a conveniencia de usar o evitar as formas que nel se recollen. O obxectivo declarado polos seus autores é constatar a utilización en galego de certas palabras que non aparecen recollidas nunha serie de dicionarios de lingua que se toman como referencia. En concreto, este volume recolle 1160 entradas extraídas de prensa en galego (nomeadamente O Correo Galego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra e Tempos Novos) e mais en Internet. Os seus destinatarios preferentes son “estudantes de lingua galega, especialmente aqueles que teñen materias de terminoloxía e neoloxía nos seus estudos académicos”, aínda que tamén pode ser útil para “calquera persoa interesada na nosa lingua”. O Vocabulario de economía, coordinado por Eduardo Luís Giménez Fernández e Francisco Xavier Lores Insua, é a máis convencional das tres obras, dito isto sen ningún sentido pexorativo. Trátase dun repertorio terminolóxico que recolle 1567 entradas para as que ofrece as denominacións en galego, portugués, castelán, inglés e francés, cunha vocación orientadora que dirixa os usos e evite o emprego de formas que os autores consideran erróneas. Xa que logo, os seus destinatarios principais xa non van ser lingüistas, senón os “nosos colegas economistas”, aínda que tamén se mencionan como potenciais usuarios “os xornalistas e os non especializados”. Con estas características, segue a liña de traballos como o Diccionario galego de banca (1993), o Manual básico de economía en galego (1993 e 1998) ou o Léxico panlatino do comercio electrónico, con respecto aos cales achega fundamentalmente o seu elevado multilingüismo e un importante número de termos que ata agora non figuraban na produción galega previa. Pola contra, algunhas cuestións como non indicar o ámbito temático de cada entrada, e sobre todo un tratamento deficiente da sinonimia, que impide saber que, por exemplo, demanda e procura, ou executar, levar a cabo e realizar se consideran denominacións equivalentes en galego, limitan a calidade do producto final. O Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán, elaborado por Xavier Gómez Guinovart e Ánxeles Torres Padín, parece tamén un vocabulario terminolóxico convencional, pero en realidade é algo máis: partindo do corpus bilingüe de documentación xurídico-administrativa recollido no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo, realizouse un baleirado para seleccionar as 1459 entradas que se consideran máis relevantes e para as que se ofrece os equivalentes de tradución en galego e castelán, así como os contextos en que se documentaron. Tendo en conta o anterior, o traballo só pode ter un enfoque descritivo (recoller as formas que se empregan). Pero vendo as fontes que forman o corpus –boletíns oficiais e textos legais en versión bilingüe oficializada pola Administración– é tamén posible empregalo como obra de consulta lexicográfica, aínda que con certas reservas (2), xa que conceptos relevantes que, polo que sexa, non se recollan no corpus van quedar fóra do Vocabulario. NOTAS: |