Voltar

O Vocabulario de Química presentouse xa en Lugo

O Vocabulario de Química galego-español-inglés editado pola Universidade de Santiago de Compostela, presentouse tamén en Lugo, o pasado 21 de novembro. O acto celebrouse no Salón de actos da Facultade de Ciencias e interviñeron o vicerrector do Campus de Lugo, Carlos Herrero, o decano en funcións da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, o técnico do SNL Xusto Rodríguez e un dos autores do Vocabulario, o profesor Marcelino Maneiro.


O Vocabulario de Química, elaborado por profesores e alumnos da USC, é o terceiro dunha colección de vocabularios temáticos editados polo SNL, tralos vocabularios de Historia e Matemáticas. Contén tódalas entradas en tres linguas, galego, español e inglés, e recolle 2.563 termos en cada un dos idiomas.


Este Vocabulario vailles servir como ferramenta de consulta tanto ós químicos profesionais coma ó profesorado e estudiantado que decida optar polo uso do galego no seu traballo, e vai resolver dúbidas e lagoas no eido da terminoloxía química na nosa lingua.


O libro distribuíuse de balde entre tódolos asistentes á presentación e agora pódese conseguir tamén a través da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química ou do SNL, tanto en Lugo coma en Santiago.


 




Imprimir