|
A reforma das Normas: o que cómpre saber (II) Á parte dos cambios de obrigado cumprimento vistos no anterior número de O Cartafol, hai outros que, malia seren de carácter opcional, son moi visibles por afectaren a formas moi utilizadas. Cómpre saber o que a norma di sobre eles. Na maioría dos casos que imos citar neste apartado, a redacción normativa dá como preferible unha forma sobre outra, pero debe quedar claro que todas son perfectamente válidas, polo que o uso dunha ou doutra non debe ser valorado como menos normativo. Calquera das posibilidades dadas teñen o mesmo grao de corrección por estaren dentro do marco normativo; se despois a norma –aducindo razóns calquera- di que tal forma é máis aconsellable ca outra temos que consideralo como un xeito de xerarquización, pero sempre dentro da absoluta corrección. A segunda forma do artigo: a segunda forma do artigo –lo pasa a ser obrigatoria só despois da preposición por e do adverbio u (Vou polo monte, ¿u-los nenos?). No resto dos casos pasa a ser facultativa, é dicir, opcional. En contra do que pensaban moitas persoas, na redacción de 1995 só se obrigaba á utilización da 2ª forma do artigo con por e con tras –con tras é agora opcional– e dábanse unha serie de casos en que se consideraba aconsellable o seu uso. En consecuencia, no texto normativo anterior empregouse a segunda forma do artigo en todos aqueles casos onde era opcional. Pola contra, na redacción da norma aprobada en xullo deste ano só se emprega cando é obrigatoria (coa preposición por e co adverbio u), malia insistirse en que, mesmo que non se represente graficamente, a pronunciación debera reflectir a existencia destes alomorfos -lo, -la, -los, -las. É dicir, teriamos dúas posibilidades gráficas co mesmo nivel de aceptación normativa, a pesar de que o texto normativo só a emprega cando é obrigatoria, pero só unha pronuncia posible. AO e Ó: Na contracción da preposición a e o artigo o existen, coma antes, dúas posibilidades: ao e ó. No texto de 1995 aconsellábase como preferente ó, malia que ao se consideraba como correcta. Na revisión que se fai agora non se fai relación a esa preferencia e agora é ao a forma escollida na redacción do texto normativo, o que non quere dicir que ó sexa unha forma fóra da normativa. A falta de ver o documento, é previsible que aínda que a escolla sexa ao se recomende a súa lectura como un o aberto e non como [ao]. Sufixación –BLE/-BEL: Na revisión que se fai na actualidade admítese plenamente a terminación –bel (amábel, amábeis). Na redacción de 1995 dicíase: “pódese utilizar [-bel, -beis] (...) aínda que (...) non pareza recomendable”. De todos os xeitos, na redacción do texto das normas escóllese a terminación –ble. Hai que ter en conta que a escolla en –bel/-beis afecta á acentuación da palabra. Así amable/amables non leva til e amábel/amábeis si. No primeiro caso –amábel- por cumprir a regra xeral de acentuación das palabras graves. Amábeis acentúase, a pesar de rematar en –s, por ser unha palabra grave con ditongo decrecente na última sílaba [a-má-bEis]. Sufixación –ARÍA/-ERÍA: Nas normas de 1995 dábanse as dúas solucións normativamente ao mesmo nivel. Na súa redacción escolleuse a sufixación moderna –ería, en contraposición, na revisión normativa que agora se fai escóllese a tradicional –aría. Polo tanto, tanto ten poñer consellaría, libraría ou consellería, librería, ambos as posibilidades seguen a ser perfectamente normativas. |