Voltar

Pasa a folla

Biblioteca Virtual da Literatura Galega

A literatura hai tempo que trascendeu o papel para adentrarse en novos ámbitos, como Internet. Alén das páxinas de creación, tamén se conforman sitios no ciberespazo para verquer as obras literarias libres de dereitos de autor, co fin de facilitar o acceso de balde para calquera persoa do mundo conectada á arañeira..


Un grupo de traballo interdisciplinar de Filoloxía Galego-Portuguesa e de Informática da Universidade da Coruña manteñen a Biblioteca Virtual da Literatura Galega, unha xanela para lle mostrar ao mundo a nosa literatura, dende a época medieval ata a actualidade.


O web preséntase coma unha biblioteca, e nos seus catálogos podemos buscar por obra, autor, xéneros, e mesmo por formatos (texto, vídeo, audio, imaxes), e facer buscas complexas. Deste xeito, calquera lector do mundo pode ler poemas de Estirpe de Méndez Ferrín, ver láminas dos Álbumes de Guerra de Castelao, escoitar “¡En pé!”, de A terra asoballada de Ramón Cabanillas, ou consultar imaxes da primeira edición de Follas Novas  de Rosalía de Castro. En canto aos textos, o web ofrece fundamentalmente fragmentos ou escolmas de obras publicadas, así como aquelas obras ou partes de obras inéditas que os autores lles quixeron facilitar.


Non soamente ofrece fragmentos literarios en soportes diversos, senón información en particular sobre os autores. Cada autor preséntase mediante unha ficha con foto, autobiografía, información sobre as súas obras, e a posibilidade de interactuar cos autores vivos a través dun formulario electrónico.


Para que tanto a nosa cultura como a nosa lingua cheguen á completa normalización deben superar a introdución nas nosas vidas de novos elementos e en calquera novo medio de comunicación ou soporte, sempre sen descoidar os xa existentes (libros, documentos escritos, radio, televisión...). A súa supervivencia e normalidade estará mellor garantida se os galegos e galegas, ao engancharnos á Rede, podemos atopar información e recursos propios, con valor e en galego.


Mais tamén é importante que a sociedade e a cultura galega se proxecten cara ao exterior, ao resto do mundo, para poderen ser coñecidos alén das nosas fronteiras -tanto físicas como lingüísticas- ou polas linguas e falantes máis arredados. E neste sentido botamos de menos a inexistencia dalgún espazo web no que poder proxectar a nosa literatura cara ao exterior noutras linguas máis coñecidas e estendidas no mundo.


Por que non poder ler en inglés ou en francés ou en chinés Os vellos non deben de namorarse ou Na noite estrelecida? E as traducións a outras linguas –non só ao castelán- das obras da nosa literatura, ben os clásicos, ben autores vivos e máis recentes, é unha empresa que non está sendo ben atendida no mundo do papel, agás unha presiña de autores.


Para completar o círculo a prol da parella literatura-lingua, só falta que no ciberespazo se continúe e amplíe aquela iniciativa de Vieiros , coa que internautas de todo o mundo verqueron en 1997 a 38 idiomas as “Mil primaveras máis” de Álvaro Cunqueiro. Agardemos que xurda unha iniciativa tan interesante coma esta que teña como obxectivo divulgar o mellor da nosa literatura a outras linguas a través da Rede.




Imprimir