|
Remataron os cursos do SNL para os alumnos e as alumnas da USC Os cursos de galego para non galegofalantes, e de Redacción e deseño de traballos de investigación remataron nos campus de Santiago e Lugo. No de non galegofalantes, 23 alumnos acadaron a cualificación de apto/a no nivel de competencia e 32 no nivel elemental; no de redacción e deseño, 21. O curso de galego para non galegofalantes está orientado a persoas que non tiveron acceso a formación en lingua galega, de dentro ou fóra de Galicia. Nas últimas edicións do curso obsérvase cada vez máis a suba da matrícula de alumnos/as doutros estados e doutras comunidades. Este ano, en Lugo destacan os alumnos de Asturias. En Santiago destacan de novo os asturianos, mais tamén os de Arxentina. Ademais, asistiron alumnos de Cataluña, da Comunidade Valenciana, de Euscadi, de Canarias, de Andalucía, Portugal, Madrid, Venezuela, México, Italia, etc. No curso de nivel elemental traballouse o desenvolvemento da competencia comunicativa en situacións básicas: saudar, presentarse, pedir información sobre enderezos, comida, etc. O balance é moi positivo, xa que o alumnado acadou as capacidades abondas para entender o galego e facerse entender. No nivel de competencia traballáronse aspectos relacionados coa gramática, a historia da lingua, etc.; ademais, puliuse a competencia comunicativa. Os alumnos aptos recibirán un certificado de aptitude asinado pola Xunta de Galicia e pola USC. Ademais, ós procedentes de fóra de Galicia recoñeceránselles 5 créditos de libre configuración. No Curso de redacción e deseño de traballos de investigación traballouse a competencia na redacción de textos escritos, tanto a nivel lingüístico como informático, aumentando o coñecemento das posibilidades dos procesadores de texto. O balance, precedido por un éxito impresionante en canto ó número de matriculados/as, xa que se cubriron todas as prazas, é moi positivo. Os/as estudiantes valoraron sobre todo as estratexias aprendidas en relación cos tres momentos da escrita: planificación, redacción e revisión; e tamén o lle poder tirar un chisco máis de proveito a determinadas funcións do procesador de textos, como os índices, a ferramenta de revisión e os correctores ortográficos, como o Galgo e o 2mil. A partir desta edición, ademais, este curso pasa a computar 1 crédito de libre configuración. Os/as estudiantes recibirán tamén un certificado de asistencia asinado pola Xunta de Galicia e a USC. |