|
Pasa a folla Gramática da Lingua Galega Dende o ano 1981, data da primeira edición das Normas, foron moitas as publicacións que crearon a armazón para a fixación do corpus do idioma galego. De todas estas obras, a Gramática Galega (1986), de Galaxia, converteuse nun dos seus eixes. Hoxe sobrancea nas librerías a Gramática da Lingua Galega, publicada por Galaxia nunha colección de manuais. Esta obra, da que son autores os profesores da USC Rosario Álvarez -coautora tamén da anterior gramática- e Xosé Xove, é máis completa nos seus contidos e, sobre todo, máis compensada. A valoración dos contidos é moi positiva. Abonda con ler a introducción para decatarnos de que estamos diante dunha obra distinta, na que se tratan conceptos como lingua histórica, estándar e corrección lingüística. Os autores, sen dúbida, son coñecedores dos perigos do exceso de ortodoxia normativa, dos excesos da súa aplicación. Estes contidos, que ó noso ver deberan ser obxecto dunha publicación propia, trazan as liñas para entender qué é o que termamos nas mans. No resto das setecentas páxinas da Gramática faise unha completísima descrición da lingua galega e, aínda que estamos certos de que non hai lingua que colla en gramática ningunha, esta é a máis completa das feitas ata o momento para a nosa lingua. A chata que lle apoñemos é a proliferación excesiva de abreviaturas que se insiren no texto e que non axudan a unha lectura cómoda do manual. Desgraciadamente, o formato editorial non está á altura do que se debera esperar para unha obra deste tipo, de consulta e divulgativa. Galaxia, que destaca na edición de obras literarias, nas obras de divulgación amosa unha calidade deficiente. Non quere dicir que non mellorase o formato a respecto da vella gramática -é imposible non facelo-, pero bótase de menos un maior esforzo editorial. Esperemos que en próximas edicións se traballen máis os aspectos formais desta meritoria obra. A Gramática da lingua galega está ben cociñada pero cunha presentación á que lle falta un pouco pirixel. |