Voltar

EuroCom: Aprender as linguas europeas simultaneamente


En Europa existe unha contradicción entre o que desexamos (que convivan tódalas linguas europeas, o respecto á lingua propia de cadaquén), que mesmo se manifesta nas leis ou na Unión Europea, e a solución que lles damos ás situacións comunicativas que se producen cando interaccionamos europeos con linguas maternas diferentes, que en boa parte dos casos pasa por utilizar unha terceira lingua, o inglés. A outra solución, aprender as outras linguas europeas, antóllasenos excesiva polo tempo e o esforzo que semella supoñer. Desbotamos así a pluralidade lingüística europea.


Mais si que é posible unha aprendizaxe das linguas sen grandes esforzos e sen esixir unha competencia maximalista: potenciando as competencias máis pasivas dos cidadáns, entender e ler, de tal xeito que todo o mundo poida falar e escribir a súa lingua, sabéndose entendido polos demais. Esa é a cerna de EuroCom.


EuroCom é un método de aprendizaxe simultánea de linguas europeas baseado na facilidade de intercomprensión dentro das tres grandes familias lingüísticas, a eslava, a xermánica e a románica, aproveitando as semellanzas entre os idiomas dun mesmo grupo. Espreme as achegas da investigación sobre a aprendizaxe de terceiras linguas, que defende a utilización do que se aprendeu dunha segunda lingua para aprender posteriormente outras, e mais os resultados da didáctica da aprendizaxe simultánea de linguas.


O método busca que as persoas descubran todo o que xa saben sobre as linguas que comezan a aprender, e que o potencien a través da deducción e da asociación analóxica. Recoñecer o léxico internacional, o compartido por unha familia lingüistica, as correspondencias fónicas, de grafías e pronuncias, de estructuras sintácticas, as regras morfolóxicas e listas de afixos, permite comprobar que moitos dos coñecementos de que un dispón na súa lingua se poden aplicar ás outras linguas da mesma familia.


EuroCom estase a aplicar simultaneamente á aprendizaxe dos tres grandes grupos lingüísticos europeos: EuroComGer para o xermánico, EuroComSlav para o eslavo, e EuroComRom, para o románico, o máis desenvolvido dos tres. A partir da versión orixinal en alemán publicaronse versións en romanés, italiano, inglés e catalán, e en todas elas as linguas obxecto de aprendizaxe son: catalán, español, francés, italiano, portugués e romanés, aínda que se prevé engadir outras en novas edicións. Oxalá o galego non tarde en incorporarse a este proxecto de fomento do plurilingüismo.


<http://www.eurocomresearch.net>




Imprimir