Voltar

Pasa a folla

bUSCatermos

Cando queremos resolver unha dúbida sobre léxico científico, en galego e outras linguas minorizadas, pero tamén noutros idiomas, os dicionarios ou vocabularios a que podería acudir son pouco coñecidos, están esgotados ou é moi difícil acceder a eles.

No Servizo de Normalización Lingüística da USC procuramos darlles a maior difusión aos léxicos e vocabularios que editamos, permitindo a súa consulta e descarga gratuíta a través do noso web. Como un paso máis nesta liña de facilitar a consulta do léxico especializado galego, elaboramos e publicamos o bUSCatermos.

bUSCatermos é unha ferramenta informática que permite consultar a través dunha interface única unha base de datos de terminoloxía técnica multilingüe, formada a partir da compilación, tratamento e reelaboración de traballos técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo. E aínda que se centra no galego, recóllese léxico en castelán, inglés, portugués, francés, italiano, alemán e catalán, polo que se pode consultar as formas nestes idiomas.

Ese conxunto de traballos está constituído polos vocabularios e léxicos publicados polo SNL da USC, por dicionarios e vocabularios elaborados e publicados por outras persoas e colectivos, e polas fichas elaboradas no SNL coas solucións achegadas a dúbidas léxicas ou terminolóxicas concretas, xurdidas de consultas ou de traballos de asesoramento lingüístico.

bUSCatermos está en continuo proceso de actualización, tanto porque novos materiais entran formar parte del, como porque se reorganizan e reelaboran os xa existentes. Arestora conta con arredor de 125000 fichas. O sistema é totalmente accesible desde calquera ordenador conectado á rede da USC.
 
Os materiais con que traballamos teñen unha orixe moi heteroxénea (vocabularios avalados por entidades con peso normativo, vocabularios de autor, propostas neolóxicas...)., polo que incluímos en cada ficha un campo de Valoración, que lle outorga unha puntuación segundo unha escala numérica que orienta sobre o grao de confianza que a priori cabe suporlles ás distintas propostas.

Os termos recollidos adscríbense a unha área de especialidade técnica, para o cal elaboramos unha clasificación xerárquica propia, que abrangue case 450 campos –que se revisa e se actualiza con frecuencia– organizada en diferentes niveis de profundidade (ata 4 en moitos casos).

Como buscar

Para facer consultas só cómpre escribir o termo que se busca ou unha palabra que pertenza a el en Texto para buscar: Pode escribir a denominación completa ou algunha das palabras que a forman. Se non está seguro do nome completo pode empregar "*" para substituír un ou máis caracteres e "?" para substituír un só carácter. Así, se busca a?sorción, a base de datos ofreceralle como resultados absorción e adsorción.  Mentres que a procura *citose, vai dar como resultados máis de 60 rexistros (acantocitose, agranulocitose, alinfocitose, anisocitose, autoeritrofagocitose, citose, crenocitose, dendrofagocitose…).

Para limitar os resultados desa busca, cómpre utilizar algún dos criterios que se ofrecen:

  • Os idiomas, que inclúen galego, portugués, castelán, inglés, francés, italiano, catalán, alemán e denominacións científicas. Cómpre sinalar que non todas as fichas recollen equivalentes en todos eses idiomas.
  • A definición
  • Observacións
  • A macroárea temática a que pertence o termo. De todas as fichas que cumpren os criterios que se marcan no apartado anterior, bUSCatermos ofrece só aquelas que pertenzan á área especializada que seleccione.

En definitiva, unha ferramenta moi útil, ao alcance de todos os membros da USC.




Imprimir