Voltar

Cómo se escriben as bibliografías (III). Recursos electrónicos

Os recursos electrónicos son cada vez máis consultados, pero a súa relativa novidade provoca numerosas dúbidas á hora de citalos.

As citas destes recursos deben parecerse ás dos recursos bibliográficos tradicionais, polo que en principio lles son de aplicación as mesmas normas (vid. O Cartafol dixital <http://ocartafol.usc.es/sabiasque.asp?OCartafol=2> e <http://ocartafol.usc.es/sabiasque.asp?OCartafol=3). Debido ó carácter non duradoiro destas fontes, débese fornecer tódolos datos posibles, deixando constancia do URL (enderezo de Internet) e da data de consulta.

Os datos das referencias de documentos electrónicos, na súa orde de aparición, son:

  • Autor
  • Título do recurso. Obtense da páxina principal do recurso. Tamén pode ser o que figura na cabeceira (no head) do recurso en formato HTML (consultando o código fonte da páxina no navegador). Se non tivese título, pódeselle crear un breve, que se pon entre colchetes.
  • Tipo de soporte. Entre colchetes e en redonda: [en liña / CD-ROM].
  • Edición. Número de edición ou o feito de que esta sexa revisada ou actualizada. Pódese abreviar.
  • Fascículo. Ponse o primeiro número (se xa acabou, tamén o último), ou a cronoloxía da colección.
  • Lugar de edición e editor. Se non se teñen, pódense omitir. Se tamén hai versión en papel, estes deben ofrecerse nunha nota.
  • Data de publicación ou actualización. Ano-mes-día. Se se actualiza moi a miúdo, ponse a primeira data: 1998- . Se non, as dúas datas: 1998, actualizada o 12 de xaneiro de 2003. Se non se conta con este dato, só se apunta a data de consulta, despois do URL.
  • Dispoñibilidade e acceso. Normalmente a localización limítase ó URL, entre colchetes angulados.
  • Data de consulta. Só é obrigada nos documentos que se atopan en liña. Pode poñerse despois do URL, abreviado, entre colchetes (ás veces, o propio procesador de textos o transforma en ligazón), e precedida da palabra "consulta" ou similar.
  • Número normalizado. Optativo. Pode ser o ISBN ou o ISSN.

Velaquí algunhas referencias de recursos electrónicos como mostras de exemplo:

Le Cedre (Centre de documentation de recherche et d'expérimentations sur les pollutions accidentelles des eaux): Accidents: Prestige [en liña], Brest Cedex (Francia), Le Cedre, 20/01/2003, <http://www.le-cedre.fr/>. [Consulta: 20/01/03]

Área de Linguaxes Especializadas, Servicio de Normalización Lingüística da USC: "Screening,un anglicismo presente en varios ámbitos de especialidade", en Un idioma preciso [en liña], nº 3, Galicia, Canalciencia, <http://www.canalciencia.com/faladoiro/index.htm>. [Consulta: 20/01/03]

 



Imprimir