Voltar

O valor de ser adecuado

A valoración da escrita mudou co paso do tempo e co progreso cultural da sociedade. A estimación social do que era escribir ben hai cen anos consistía na valoración da escrita como artesanía: escribía ben que pintaba as letras bonitas. Nunha fase posterior para valorar ben ao que escribía había que comprobar que os seus escritos non tivesen erros ortográficos. Como veremos un pouco máis abaixo, esta valoración lingüística é nesgada e insuficiente ao centrarse no aspecto máis formal da lingua.

O lector desta sección atopa normalmente aquí temas da lingua galega que son ou poden ser problemáticos. Facémolo porque cremos que estas pequenas axudas poden resultar de interese para as persoas que poden ter dúbidas sobre determinados usos lingüísticos do noso idioma. Non obstante, a forza de afondar nos asuntos problemáticos dun idioma, agroman no individuo dúas tendencias encontradas: por un lado é certo que se solucionan dúbidas pero, polo outro, tamén se establece unha relación entre a persoa e o idioma baseada na incerteza e na inseguridade. Buscamos de maneira porfiada a excepción, o aspecto gramatical complicado ou o termo raro. Á par disto, o usuario ten unha lingua tamén de uso onde estes problemas non teñen o valor da categoría ou simplemente non se tratan, onde, dalgunha maneira, estas incorreccións se ven como algo propio e normal do uso dun idioma.


Sen quitarlle valor ao coñecemento dos aspectos normativos, parece acertado pensar que hai aspectos lingüísticos que deben ser tratados con máis importancia ou, simplemente, deben ser tidos en conta. Así, a sintaxe, a coherencia, a cohesión ou a adecuación son temas que deben ser avaliados na valoración textual e normalmente non se tratan. Son os que, en definitiva, conforman unha comunicación de calidade ao formaren parte da capacidade comunicativa do individuo, sexa cal sexa a lingua que empregue. Pódese dicir que normalmente unha persoa que non faga textos cohesionados en galego é probable que tampouco os faga con cohesión en castelán ou en inglés. Da adecuación, aínda que teña unhas propiedades diferentes, podemos dicir algo parecido. A seguir imos presentar unha breve reflexión sobre a adecuación na comunicación oral e escrita, exemplificarase con usos incorrectos coa intención de alertar do problema que un mal uso da comunicación pode supoñer.


Nun telexornal, por exemplo, sería avaliado negativamente que o presentador falase de maneira afastada do estándar, por exemplo con gheada, pero non –polo menos na mesma medida– que dixese de maneira formalmente correcta cousas inadecuadas. Así nunha frase como: o presunto violador foi posto á disposición da xusticia* –frase que se pode ver e escoitar nos medios de comunicación habitualmente– algunha xente sería capaz de atopar o erro ortográfico xusticia* (no canto de xustiza), en realidade o mesmo que fai un verificador automático. Desde unha visión da corrección lingüística tradicional agora a frase é correcta, malia que aínda agoche un gran problema que vai moito máis aló na súa gravidade ca a anterior incorrección detectada. O erro –tremendo e habitual- é considerar a alguén presunto violador algo que non pode ser ninguén tendo en conta o noso marco lexislativo. Segundo el unha persoa só pode ser inocente ou culpable, pero nunca presunto culpable. O exquisito respecto á presun­ción de inocencia presupón e xera a xustiza e ademais é unha esixencia de calquera acto comunicativo. O asunto, polo tanto,  excede das normas lingüísticas aínda que é a través da lingua por onde se deixa ver o problema que se circunscribe, segundo parece, máis no ámbito da ética.



Imprimir