Voltar

Pasa a folla

Plan Xeral de Normalización Lingüística

O pasado 22 de setembro o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o primeiro Plan Xeral de Normalización Lingüística para o país.

O Plan de Normalización Lingüística, anunciado polo Director Xeral de Política Lingüística hai dous anos, aprobouse por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. O documento inicial, porén, sufriu algunhas modificacións froito do debate na Cámara galega, que inciden, sobranceiramente na esixencia de fixar os regulamentos correspondentes en cada sector con cadanseu orzamento, de establecer procedementos de seguimento, control e avaliación, e de realizar unha programación anual que debe aprobar o Parlamento.

O Plan, que comeza por un diagnose do estado de saúde da lingua galega, no que recoñece a perda de transmisión do galego na familia e a mingua de uso entre a mocidade como factores chave, fixa cinco obxectivos básicos: garantir a posibilidade de vivir en galego a quen o desexe, conseguir para o galego máis funcións sociais e máis espazos de uso, conseguir que atender o cidadán ou o cliente en galego sexa unha norma de cortesía, promover unha 'visión afábel, moderna e útil da lingua' e 'dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna'.

Logo o Plan estrutúrase en sectores transversais (dereitos lingüísticos, novas tecnoloxías e implementación do corpus), e sete sectores verticais (administración, educación-familia-mocidade, medios de comunicación e industrias culturais, economía, sanidade, sociedade, e proxección exterior), e para cada un deles contempla obxectivos e medidas referidas ás súas diversas áreas.

O diagnóstico sobre o ensino universitario (dentro do sector 2, educación-familia-mocidade) salienta, como puntos fortes, que o galego é a lingua instucional das universidades galegas, que na USC se puxo en marcha un plan de normalización lingüística en 2002, ou que o servizo lingüístico da USC constitúe un referente de organización e xestión normalizadora a nivel galego. Entre os puntos débiles, que a normalización lingüística nunca foi considerado un obxectivo prioritario ou estratéxico das universidades, que a presenza do galego na docencia universitaria segue sendo moi inferior á docencia en castelán, ou que faltan recursos propios para levar a cabo os diferentes programas de asesoramento, formación e dinamización.

O Plan fixa para o ensino universitario un obxectivo específico: promover un maior nivel de galeguización das universidades galegas, tanto na docencia e investigación como no que se refire ás relacións extraacadémicas. Seis son as medidas que adopta: 1 crear unha comisión de coordinación de política lingüística das tres universidades e da Xunta; 2 incrementar a edición e difusión da bibliografía en galego nas diferentes áreas de coñecemento, especialmente para as materias dos primeiros cursos; 3 promover a edición de material terminolóxico nas áreas de coñecemento con carencias importantes; 4 promover a edición de libros científicos en galego, tanto edicións orixinais como traducións; 5 insistir na oferta de formación; 6 establecer o voluntariado lingüístico.




Imprimir