Voltar

Je parle galicien - I speak galicien language

Unha vez máis, dende o 1995-96, comezaron xa as clases do Curso de lingua galega para non galegofalantes o pasado día 30 de outubro. Un total de 89 persoas, 57 no Campus de Santiago e 32 no de Lugo, foron os matriculados desta volta. Procedentes doutras comunidades do Estado (Asturias, Cataluña, Valencia, Euscadi, Canarias...), doutros países europeos (Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Italia, Suecia...), de Marrocos e de países americanos (arxentinos, venezolanos, mexicanos..., e tamén canadenses), todos eles queren adquirir os coñecementos mínimos para comprender este noso idioma, e mesmo nalgúns casos, poder comezar a expresarse nel. Destaca este curso a alta incorporación de estudiantes dos programas Sócrates e Erasmus, gracias a unha mellor coordinación en canto á información fornecida polo Gabinete de Relacións Exteriores e o Servicio de Normalización Lingüística. Aínda que a maioría dos matriculados pertence á comunidade universitaria, o curso tamén vén acollendo persoas de fóra da USC.



A experiencia dos cursos anteriores, polos que xa pasaron 331 universitarios, resulta moi satisfactoria, por canto os alumnos acaban conseguindo un bo grao de competencia en galego, logo de asistiren ás 80 horas lectivas de que consta cada un dos dous niveis, elemental e competencia, en que se modula. Ambos seguen un deseño curricular e uns materiais propios. Cómpre salientar que estes cursos son exclusivos da USC, e tamén aclarar que estes non son os cursos de iniciación e perfeccionamento, que hai anos que non se imparten na USC; as persoas interesadas neles deben dirixirse para solicitar información á Dirección Xeral de Política Lingüística.



Ós alumnos que superen este curso de lingua galega para non galegofalantes, a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia hanlles outorgar un certificado de aptitude, e aqueles que proveñan de fóra de Galicia poderaselles recoñecer cinco créditos de libre configuración.




Imprimir