Voltar

De talibáns e outros conflictos

Desde hai uns anos para aquí, a aparición dun novo conflicto político, económico ou sanitario nos medios de comunicación introduce nas salas de estar das nosas casas e nas conversas diarias unha serie de termos que ata ese momento eran coñecidos e manexados unicamente polos especialistas dos respectivos temas. A súa novidade, e o feito de que se trate de termos cultos ou importados doutras linguas provoca dúbidas e vacilacións sobre cál debe ser o nome elixido e cál é maneira máis adecuada de escribilo. Os galegos podemos lembrarnos de varios destes casos nos últimos anos:

Mediada a derradeira década do século pasado a “guerra do fletán” fixo que un peixe que case ninguén coñecía (o Hippoglossus hippoglossus) se convertese en portada dos telexornais. En paralelo ó conflicto pesqueiro houbo un “conflicto lingüístico” entre distintas denominacións para o nome do peixe (fletán –préstamo do francés flétan–, halibut –do inglés halibut– e hipogloso –derivada do nome científico da especie–), do que resultou vencedora a primeira.

Nestes dous últimos anos, as sucesivas crises alimentarias e sanitarias puxeron na boca de todos doenzas como encefalopatía esponxiforme bovina, lexionelose (ou lexionellose), febre aftosa, salmonelose (ou salmonellose)... así como os nomes dos axentes causantes delas: legionella (ou lexionela ou lexionella), salmonella (ou salmonela), prións, dioxinas..., para moitos dos cales conviven varias denominacións alternativas, como se recolle entre parénteses e podemos comprobar revisando a prensa.

Pois ben, os sucesos que veñen ocorrendo a partir do 11 de setembro (primeiro o ataque ó World Trade Center, e despois a guerra contra Afganistán) volvéronnos poñer nunha situación semellante: palabras que hai dous meses a maioría de nós non seriamos capaces de reproducir, forman parte xa das conversas cotiás. As vacilacións lingüísticas que este fenómeno provoca agrávanse porque as palabras seguen un camiño que arranca co termo en alfabeto árabe, que segue coa súa transliteración a unha lingua que use o alfabeto latino (normalmente o inglés) e que remata na adaptación desa forma inglesa ó galego, por veces vía castelán.

Nas liñas seguintes pretendemos presentar dous dos casos de vacilación e confusión máis salientables e expor -sen ningunha vocación autoritaria- as solucións lingüísticas que nos parecen máis acaídas, tanto para buscar a regularidade na adaptación de termos emprestados doutras linguas, como para evitar o peso excesivo do inglés neste proceso de importación, o que pode chegar a provocar, como veremos, interpretacións erróneas da información.

Antes de entrar nos casos concretos gustaríanos facer unha breve indicación sobre a conveniencia de que os nomes que orixinariamente se escriben con alfabeto distinto do latino se representen en galego coas grafías propias que mellor permitan reproducir a pronuncia orixinal, non coas transcricións feitas para outras linguas (habitualmente o inglés). Este principio seguirase nos exemplos que se estudian a continuación:

Os plurais fluctuantes (talibán, muxahidín). Estas dúas palabras son nas súas linguas orixinais formas de plural (os seus singulares respectivos son talib e muxahid), e por eso é tan frecuente ver que se tratan como formas invariables en canto ó número (“o exército talibán” e tamén “as propostas dos talibán”).

Sen embargo, as linguas románicas tenden a adaptar á súa estructura morfolóxica as palabras que importan doutros idiomas. Por ese motivo, aínda que as palabras italianas spaghetti e macarroni, ou as árabes musulmân ou tilismâtxa eran formas de plural cando entraron no galego, este idioma acabou tratándoas como se non o fosen e creando sobre elas os plurais espaguetis, macarróns, musulmáns ou talismáns.

Polo tanto, parece lóxico defender a aplicación dese mesmo sistema nos dous exemplos que nos ocupan, o que produciría dúas parellas como “o talibán” / “os talibáns” e “o muxahidín” / “os muxahidíns”.

O ántrax que non existiu. Desde primeiros deste mes puidemos ir vivindo en directo a extensión a través dos EE. UU. da enfermidade que eles coñecen como anthrax e do pánico a esa doenza. Os medios de comunicación do noso contorno explicáronnos polo miúdo o modo de transmisión e as gravísimas (incluso fatais) consecuencias que para a nosa saúde podía ocasionar o ántrax, sobre todo na súa variedade “pulmonar”.

Estas informacións despertaron a confusión e as especulacións entre a profesión médica, xa que non se correspondían coas características que se lle coñecían ó ántrax. Sen embargo, a chave da lea non estaba nin en supostas novas características do axente infectivo, nin nos coñecementos médicos dos xornalistas que elaboraban as informacións; senón nun problema derivado do contacto entre idiomas, que os lingüistas denominan “falsos amigos”.

Moitas veces, en dúas linguas poden atoparse palabras que se parecen formalmente pero que teñen significados diferentes, por exemplo, o galego ántrax (tumefacción inflamatoria do tecido sebáceo e das glándulas sebáceas, circunscrita e dolorosa, debida á infección supurada de varios folículos pilosos contiguos, segundo o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde) e o inglés anthrax (enfermidade infecciosa do gando, especialmente do vacún e do ovino, ocasionada polo Bacillus anthracis e que pode transmitirse ó home por contacto con animais infectados ou productos derivados deles). Sen embargo, esa semellanza formal acaba facendo que nas traduccións se traten como supostos sinónimos cando en realidade non o son (falsos amigos), é dicir, usando ántrax como equivalente do inglés anthrax, o que provoca graves confusións, xa que dúas doenzas distintas e con diferentes graos de gravidade son denominadas do mesmo xeito.

Neste caso concreto a cuestión vóltase máis complexa porque galego e inglés manexan as mesmas palabras para referirse ás dúas enfermidades, só que de maneira oposta: para a ‘tumefacción inflamatoria...’ o galego usa ántrax, o inglés emprega carbuncle, mentres que para ‘enfermidade infecciosa do gando...’ o galego recorre a carbúnculo ou carbuncho e o inglés a anthrax.

Velaí a explicación do título que abría este epígrafe: non é o ántrax senón o carbúnculo o que está provocando nos EE. UU. a crise sanitaria que nos relatan os medios de comunicación.



Imprimir