Voltar

Pasa a folla

Divulgación científica en galego

Para os que somos “de letras” a información relacionada co mundo das ciencias experimentais peca moitas veces dun grao excesivo de tecnicidade. Cando lemos un texto sobre clonación humana, sobre o mal das vacas tolas ou sobre os indicios de vida en Marte perdémonos nun mar de conceptos para nós descoñecidos ou que, soándonos, non somos capaces de precisar.

Por iso son especialmente interesantes as iniciativas que intentan difundir ese tipo de información de forma divulgativa, achegando a ciencia a un nivel accesible aos coñecementos de calquera persoa; e xa se o fan en galego… por riba do mel, filloas.

Todos estes requisitos cúmpreos o “boletín das novas da ciencia” Canalciencia.com. Este sitio web –co que o SNL vén colaborando desde hai máis de dous anos a través da sección “Un idioma preciso”– céntrase na compilación e divulgación das novas máis relevantes xurdidas no ámbito das ciencias experimentais (bioloxía, ecoloxía, física, xeoloxía…) aínda que se percibe unha querenza especial polo mundo da astronomía e a exploración espacial. (1)

Ademais de ofrecernos unha media de entre 15 e 20 novas por mes, que podemos ampliar nas fontes orixinais a través do amplo abano de ligazóns (2) que inclúe nelas, Canalciencia mantén informacións ou seccións fixas. Unhas oriéntanse fundamentalmente ao mundo do ensino, como a pequena aplicación que permite coñecer as características dos elementos químicos, unha páxina centrada nos fósiles, en que describe, ilustra e clasifica no período en que viviron máis de 30 especies, ou os contidos que comparte cos sitios educativos Edugaliza e Lapis de cores. Outras serven para recomendarnos recursos interesantes, en soporte papel (“Os libros de CC”) ou electrónico (“A web”), para sinalar as efemérides do mes (“Lembramos…”), ou para amosarnos que “Unha imaxe” vale máis ca mil palabras.

Finalmente, tamén se lle presta atencións ás celebracións científicas de carácter internacional, como o Ano Mundial da Física, que conmemora o centenario das publicacións fundamentais de Einstein.

En resumo, un sitio feito para aqueles que temos máis curiosidade ca coñecementos científicos, que busca conscientemente a divulgación, e que nos fala na nosa lingua. Que máis podemos pedir?


Notas
(1) O sitio conta con seccións específica de “Astrofotos”, “Meteofotos” e “O sistema solar”.
(2) Ademais das vinculadas explicitamente ás respectivas novas, é tamén moi interesante a sección fixa Ligazóns, en que se presenta un amplo repertorio de sitios galegos e estranxeiros, atendendo especialmente aos que elaboran materiais que se poden aproveitar no mundo educativo.




Imprimir