Voltar

Pasa a folla

Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria

O Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria é un traballo que recolle 2715 conceptos destas tres áreas da veterinaria, clasifícaos tematicamente e ofrece os nomes polos que son coñecidos en galego, español e inglés, amais da denominación en latín científico dos conceptos de anatomía.

O primeiro bloque do Vocabulario fórmao o léxico propiamente dito. Nel recóllese o corpus de entradas, numeradas e ordenadas alfabeticamente segundo a forma galega. Esta información complétase coa categoría gramatical, a subárea temática a que pertence o concepto, os sinónimos ou variantes empregados en en galego, se existen, e os equivalentes en español, inglés e –se cómpre– latín.

No segundo bloque recóllense en forma de índices todas as denominacións empregadas en cada unha das linguas de traballo, acompañadas da mención ao número de entrada na que aparecían. Desta forma é moi doado localizar un concepto concreto, con independencia de se coñecemos o seu nome en galego (buscariámolo directamente dentro do corpus de entradas galegas) ou nalgunha das outras linguas (deberiamos buscar no índice a entrada na que trata ese concepto).

Nel colaboraron a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística, e mais profesores da Facultade de Veterinaria. O volume, editado polo Servizo de Publicacións da USC, foi financiado pola Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia. Trátase da cuarta entrega da colección de vocabularios temáticos do Servizo de Normalización Lingüística da USC, traballos que abranguen grandes áreas de especialidade (normalmente o ámbito dunha titulación) e que compilan e presentan un número alto de conceptos. Os anteriores corresponden a Historia, Matemáticas e Química.

Coa súa difusión inténtase poñer a disposición do profesorado e do estudantado de Veterinaria recursos que permitan aumentar a presenza do galego na docencia, actividade en que a nosa lingua conta cun uso declarado do 9% do total de horas docentes. Con este Vocabulario o profesorado poderá empregar con calidade e precisión no desenvolvemento do seu traballo a lingua que esa mesma Universidade declara como propia. Así mesmo ha poder servir para que

Ademais do espallamento de exemplares da edición en papel que está a realizar a Consellaría de Medio Rural, a USC está a distribuílos nos centros máis vinculados con esta disciplina entre as persoas interesadas. Ademais, pódese acceder á versión en .pdf e os contidos deste traballo xa se poden consultar a través de bUSCatermos.




Imprimir