Voltar

Pasa a folla

Léxico panlatino do comercio electrónico

A Rede panlatina de terminoloxía (Realiter) acaba de publicar o Léxico panlatino do comercio electrónico, que foi elaborado no seo de Realiter baixo a coordinación do Bureau de la traduction do goberno do Canadá. A obra ocúpase da terminoloxía de diversos subdominios, como as transaccións, o márketing, a seguridade, a criptografía, as comunicacións, os produtos e servizos ás persoas e ás empresas, a protección do consumidor, así como as tecnoloxías da información.

A Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), creada en 1993 por iniciativa da Unión Latina e da Délégation générale à la langue française et aux langues de France, ten como obxectivo xeral favorecer un desenvolvemento harmonizado das linguas neolatinas, tendo en conta a súa orixe común e a utilización de modos de formación léxica semellantes.

En novembro de 2001, na quinta reunión plenaria de Realiter en Bruxelas, naceu a idea de proporcionarlles aos falantes das linguas latinas a terminoloxía de base relativa ao comercio electrónico. O Bureau de la traduction aceptou coordinar a elaboración do Léxico panlatino do comercio electrónico, léxico multilingüe que recollería os termos máis empregados do dominio, para o cal estableceu as nomenclaturas iniciais francesa e inglesa, que contan con 300 termos, que serven de tronco común á obra. Os outros participantes no léxico, pola súa banda, arrequentaron a nomenclatura francesa e forneceron os equivalentes axeitados nas súas linguas respectivas: catalán, español, galego, italiano, portugués e romanés. A versión galega é froito do traballo do TERMIGAL, o Servizo Galego de Terminoloxía, que forma parte do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Coas últimas incorporacións xa son catro os membros galegos de Realiter, relacionados por orde de entrada: o Servizo de Normalización Lingüística da USC, o TERMIGAL, o Departamento de Filoloxía Latina e Galega da Universidade de Vigo e a Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega.

Este producto difundirase en soporte electrónico (cd-rom) e a través de  Internet http://www.realiter.net/temp/panlatin_e-com.pdf.


 




Imprimir