Voltar

Aprobouse o Plan de Normalización Lingüística da USC

O Claustro da USC aprobou por amplísima maioría (177 votos a favor, 2 en contra e 6 abstencións) o Plan de Normalización Lingüística o 16 de outubro. O presidente da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro anterior foi o encargado de presentar o Plan, tralo cal se abriu unha quenda de debate, antes de votalo á man alzada.

Os antecedentes do PNL remóntanse a 1999, cando o Claustro aprobou por unanimidade crear no seu seo a Comisión de Normalización Lingüística, cun obxectivo fundamental: formular as liñas xerais da política de normalización lingüística para a Universidade ata o ano 2010, así como do seu seguimento e avaliación.

A Comisión, formada por seis claustrais representantes do profesorado, tres do estudiantado e un do PAS, e presidida polo anterior vicerrector de Coordinación, partiu dunha fonda análise dos datos do estudio sociolingüístico O idioma na Universidade de Santiago de Compostela.

En maio de 2000 a dita Comisión presentou unha primeira versión do Plan, consciente da necesidade de que "o obxectivo da normalización sexa unha empresa asumida colectivamente". Tras escoitar as suxestións da comunidade universitaria, o resultado final é o documento que se pretendía someter á consideración do Claustro na pasada sesión do 18 de decembro de 2001; ó verse esta interrompida no seu desenvolvemento, o Plan quedou pendente de tratar.

O PNL configúrase como o primeiro desenvolvemento do Plano Estratéxico da USC, aprobado polo Claustro en 2001, que recolle como un dos obxectivos xerais no eido da docencia, "normalizar e promover o uso da lingua galega de xeito coherente co conxunto dos obxectivos estratéxicos da Universidade".

O Plan presentouse como unha proposta enteira e completa, que segue unha liña lóxica e coherente, gradual e progresiva, entre a situación de partida, os obxectivos que se fixan e as medidas que se propoñen. Por outra banda, é un documento que nace da vontade expresada no órgano en que se ve máis representada a comunidade universitaria, o Claustro, e que buscou un amplo consenso na súa elaboración. Aínda que xa está aprobado, cómpre non só unha actitude decidida por parte dos diferentes órganos de goberno universitarios, senón tamén o compromiso da propia comunidade universitaria para levármolo adiante.




Imprimir