Voltar

A puntuación

A puntuación foi sempre un aspecto periférico nos estudos de lingua. Non está gobernada por regras absolutas que poidan ser memorizadas e, ademais, hai certa liberdade que provoca que claros erros de puntuación se consideren como características dun estilo propio. Sen embargo, as funcións da puntuación son moitas e importantísimas: estrutura o texto, delimita a frase, remarca certas ideas sobre outras ou elimina  ambiguïdades. Xa que logo, a puntuación, a pesar de ser variable, non pode ser anárquica e aínda que poidamos puntuar un texto de varias maneiras, algunhas opcións son inaceptables.

Os signos de puntuación son: . , ; : ... ¿? ¡! ( ) ??? ??“ ” _ - * ´ ‘ ’ « »

Destes signos uns son sinxelos (punto, punto e coma...) e colócanse detrás das palabras. Outros son dobres, como as comas que van ao comezo e ao remate da palabra ou da frase.

Hai algunhas regras que debemos ter presentes á hora de puntuarmos un texto.

Os signos simples escríbense pegados á palabra que a precede e sepárase da seguinte deixando un espazo en branco.

Ai, que risa e non *Ai ,que risa

Para escribir os signos dobres debemos deixar un espazo entre a palabra precedente e o signo, despois deste, sen deixar espazo ningún, debemos
comezar a escribir ata chegar, sen que haxa espazo, ao signo que cerra o período.

Xa estás aquí ¿a que hora chegaches? e non *Xa estás aquí ¿ a que hora chegaches ?

Nunca se deben poñer dous puntos seguidos. O punto que marca o final dunha oración desaparece ante os puntos suspensivos, o signo de admiración e o de interrogación. Tamén o punto que se xunta ás abreviaturas desaparece co que indica o final dunha oración.

Polo tanto son incorrectos todos estes exemplos:

* Nas fragas do Courel abundan os carballos, os castiñeiros, as faias... .
* Vaia partido!.
* Quen chegou?.
* Iso aconteceu no mes de abr..

Cando a raia e o punto coinciden no texto, aquela desaparece.

* O gando nesta comarca non é rendible -segundo opinión do departamento de economía-.

Cando haxa punto antes da paréntese, dentro dela débese comezar con maiúsculas e poñer punto final.

Tivo dous traballos (repartidor de publicidade e ebanista), aínda que nunca lle gustaron.
Tivo dous traballos (repartidor de publicidade e ebanista).
Tivo dous traballos, aínda que nunca lle gustaron. (Repartidor de publicidade e ebanista.)

Se dentro dunha paréntese aparece outra, esta deberase marcar con corchetes.

Ten tres curmáns (Pedro, Marta [a filla de Antón] e María)

A coma (,) non debe usarse antes dos puntos suspensivos (...), aínda que o seu uso pode darse despois deles.

Mariña leva andado por todo o mundo: América, África..., só lle falta Oceanía

A coma nunca se debe utilizar antes das comiñas, da raia e das parénteses.

*A noite estaba deserta, (que eu ben a vin)

(Tirado do documento “Aspectos formais”, elaborado pola Área de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística)

 



Imprimir