|
Convocatoria de cursos de lingua galega para non galegofalantes O 14 de outubro abriuse o prazo de matrícula nos cursos de lingua galega para non galegofalantes que convoca a Universidade de Santiago, a través do seu Servicio de Normalización Lingüística. Máis de 300 alumnos levan pasado por esta modalidade de formación lingüística básica dende 1996, ano en que se convocaron por vez primeira. Os cursos están destinados para as persoas que non tiveron acceso a ningunha formación de lingua galega, sobranceiramente por viren de fóra de Galicia, e responden á necesidade de garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria. Modúlanse en dous niveis: elemental (para xente con nulos coñecementos de galego) e competencia (persoas con coñecementos básicos). Ambos os dous constan de 80 horas lectivas, que seguen un deseño curricular e uns materiais propios. As clases comezarán oficialmente o día 30 de outubro; impartiranse de luns a xoves, en horario de 8 a 9 horas da mañá, tanto no Campus de Santiago como no de Lugo. A Universidade e a Xunta de Galicia outorgarán un certificado de aptitude ós alumnos e alumnas que superen o curso. Ademais, recoñeceránselles cinco créditos de libre configuración ós estudiantes estranxeiros e ós provenientes de fóra de Galicia. Cómpre aclarar que estes non son os cursos de iniciación e perfeccionamento, que hai anos que non se imparten na USC; as persoas interesadas neses cursos deben dirixirse para solicitar información á Dirección Xeral de Política Lingüística. A matrícula, que custa 6 € para os membros da USC e 60 € para os que non posúan esta condición, débese realizar no Servicio de Normalización Lingüística (na oficina do Colexio de San Xerome en Santiago, ou na oficina situada no edificio da Biblioteca Intercentros en Lugo). Para matricularse, cómpre cubrir a folla de inscrición e o formulario de taxas que se facilita no dito Servicio, realizar a liquidación das taxas e xustificar documentalmente a condicion de membro da Universidade, de ser o caso. O prazo de matrícula abrangue do 14 ó 25 de outubro. |