Voltar

Pasa a folla

Vocabulario multilingüe de economía

En comparanza con outros ámbitos, o mundo da economía, a contabilidade e as finanzas conta cun corpus de dicionarios e vocabularios técnicos en galego, máis ca aceptable en canto a número e diversidade de áreas estudadas. Ademais, o feito de que a inmensa maioría deles estean accesibles para consulta e/ou descarga a través da Internet facilita aínda máis a súa utilización.

A esta listaxe –que xa pasa dos vinte traballos– podemos engadir desde hai unhas semanas unha nova obra. Trátase do «Vocabulario multilingüe de economía», desenvolvido por investigadores de universidades de Cataluña, Euskadi, Galicia e Holanda dentro do proxecto de investigación RICOTERM-2. O obxectivo principal deste proxecto é «o desenvolvemento dun prototipo de reelaborador de consultas que permita lanzar unha consulta simple e monolingüe en Internet e recuperar a resposta nas linguas que o usuario indique», pero dentro del xeráronse tamén produtos derivados ou auxiliares da meta principal, como o «Vocabulario» que aquí presentamos.

A interface de consulta é moi sinxela de empregar, e permite tanto a busca dun termo concreto (ou dunha parte del, empregando comodíns) como rastrexar unha listaxe alfabética na procura dunha denominación concreta.

O feito de que a elaboración e difusión dun vocabulario especializado non fose o obxectivo prioritario da investigación é o que explica algunhas das súas características, nomeadamente o distinto volume de entradas recollido para cada unha das linguas: 7000 para o castelán e o catalán, 6400 para o inglés, 4000 en galego e 971 en vasco. Deste xeito, dependendo da busca que realicemos, o sistema devolveranos resultados bilingües, trilingües, tetralingües ou pentalingües, e fai que a utilidade do traballo sexa menor para quen queira coñecer as denominacións nas linguas menos representadas.

Pero aínda cando esa denominación está recollida, bótase a faltar información complementaria, tanto sobre o concepto (unha definición ou, como mínimo, a asignación a unha área temática máis concreta) como sobre os nomes nas distintas linguas (categoría gramatical, fonte da que se tirou…). Tampouco se citan, aínda que sexa de forma xenérica, as fontes terminográficas ou documentais con que se traballou, máis alá de mencións xenéricas a «córpora textuais especializados» e córpora textuais de prensa», ou a «dicionarios e vocabularios terminolóxicos de referencia», o que nos impide determinar en qué medida as diversas formas galegas que se propoñen están asentadas no uso real ou son recomendacións que aínda non acabaron de callar.

En calquera caso, e aínda lamentando estas carencias, é evidente que se trata dun produto moi interesante para quen pretenda empregar un galego de calidade no ámbito das ciencias económicas, pois compila e permite a consulta dun amplo corpus de terminoloxía galega (unhas 4000 entradas) a través dunha única interface, empregando como idioma de busca calquera dos que cinco que se usaron no traballo.




Imprimir