|
Aprende galego a través da Rede Nos últimos anos desenvolvéronse cursos de aprendizaxe de galego, que aproveitan en diferente grao as posibilidades multimedia e de interactividade dos novos soportes. Os máis apegados ó estilo tradicional son o do Proxecto Rábade e o curso A palabra herdada (1). A versión 0.2 do Proxecto Rábade consta de 73 páxinas con 345 exercicios, 3 xogos interactivos e un glosario con máis de 350 palabras. Os autores do proxecto están a adaptar os contidos do curso para a aprendizaxe dende outras linguas. A palabra herdada é un curso de galego na Rede en 24 unidades (aínda que están dispoñibles 12) que se presentan en soportes sonoro e escrito, en formatos MP3 e PDF, respectivamente. Cada unidade consta de tres partes: vocabulario, gramática e historia da lingua. Interactivos son Galingua e É-galego. Galingua preséntase como un método para a aprendizaxe do galego dende calquera lingua, partindo do nivel cero de coñecementos. Está secuenciado progresivamente, para que as persoas que o utilicen, sexan adultos ou nenos, poidan ir aprendendo por si mesmos. Incorpora unhas 480 pantallas interactivas, máis de 2.500 arquivos de son, uns 1.200 gráficos e máis de 50 animacións, cos seuscorrespondentes eventos. Preséntase en cd-rom e tamén se pode descargar dende o web da Dirección Xeral de Política Lingüística (2). É-galego é un curso interactivo a través de Internet (3) orientado a non galegofalantes coñecedores de castelán, e persegue a adquisición das habilidades comunicativas básicas de comprensión e expresión oral e escrita, a un nivel intermedio, mediante unha aprendizaxe autónoma. Conta cun sistema de autoavaliación, e permite facer consultas a través do correo electrónico a un titor. Os seus contidos foron planificados e elaborados polo Instituto da Lingua Galega da USC. As 10 unidades de que consta desenvolven distintas situacións comunicativas (presentación e descrición de persoas, a casa, o traballo, as viaxes, etc.), ilustradas con dúas locucións en audio e unha en vídeo. En total, dispón de case un cento de actividades interactivas repartidas en catro seccións: comprensión, expresión, gramática e vocabulario. Ademais, ofrécelle ó alumno materiais de consulta (vocabulario e gramática) e complementos como textos, ligazóns, etc. (1) Vid. en <http://www.abalde.com/mpm/rabade> e en <http://edu.xunta.es/dxpl/ferramentas/herdada/herdada.htm> |