|
Pasa a folla Andel de diccionarios novos (I) Nestes tres últimos anos a oferta de diccionarios xerais e especializados galegos viuse ampliada cun interesante conxunto de obras que supuxeron un salto con respecto á producción anterior, non só polo volume de entradas recollidas senón tamén por razóns puramente cualitativas, como a introducción das novas tecnoloxías na difusión dos materiais, e a aparición de obras en ocos do mercado en que o galego non estaba presente. Por eso, pareceunos interesante dedicar un espacio a presentar e comentar brevemente esas novidades. Neste número atenderemos ós traballos centrados na lingua xeral, e no vindeiro fixarémonos en diccionarios e vocabularios de especialidade. O aspecto máis salientable é que por primeira vez o galego dispón de obras que se poden considerar 'diccionarios de lingua', etiqueta que alude a traballos que recollen o léxico estándar que un cidadán medio precisa coñecer e manexar, que oscilan entre as 50.000 e as 90.000 entradas, e inclúen unha cantidade considerable de terminoloxía científica e de léxico literario. O primeiro que intentou acadar este obxectivo foi o Diccionario Cumio da lingua galega (Vigo, Ed. do Cumio, 1999), que recolle máis de 44.000 entradas e 100.000 acepcións. Entre as súas características destacamos a súa pretensión de normatividade, e o feito de incluír propostas neolóxicas para designar realidades que aínda non acadaron unha denominación consolidada en galego.Pero outra das súas virtudes é a aposta destacada que a editorial fixo polas novas tecnoloxías, ofrecendo canda a edición en papel unha versión íntegra en CD-ROM, que permite axilizar as consultas e realizar buscas moito máis complexas (por áreas de especialidade, por sinónimos e antónimos, por palabras afíns...). Un ano despois, apareceu nos andeis das librerías un diccionario chamado a converterse na obra lexicográfica galega de referencia da década que estamos comezando: o Gran diccionario Xerais da lingua (Vigo, Xerais, 2000). Merece esta consideración, en primeiro lugar polo seu volume (unhas 95.000 entradas que duplican a extensión dos maiores diccionarios galegos respectuosos coa normativa ortográfica e gramatical vixente). Pero ademais, é salientable a inclusión abondosa de terminoloxía científico-técnica, formas dialectais ou populares presentes en textos literarios, formas coloquiais e populares da lingua oral, etc.O resultado é unha obra multidisciplinar que serve como fonte de consulta do léxico estándar-normativo, do léxico popular, como diccionario de dúbidas, ou como diccionario de sinónimos, e que só precisaría puír pequenos defectos como a non-inclusión de indicacións da área de especialidade, ou lagoas nas remisións de sinónimos. Outra novidade interesante tivo que ver, non coa aparición de novas obras, senón co aproveitamento de novas canles de difusión para obras xa existentes. Así, desde finais do pasado 2001, o Diccionario da Real Academia Galega (Vigo, Real Academia Galega, 1997) pode consultarse a través de Internet dentro das páxinas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Este traballo é, con 25.000 entradas, a plasmación dos esforzos realizados ata o momento pola Real Academia Galega en canto á depuración e fixación normativa do corpus léxico do galego.Por último citaremos aquí a Enciclopedia Galega Universal (Vigo, Ir Indo, 1999-...) un traballo que, sen ser estrictamente lexicográfico, si pode ter unha grande utilidade desde ese punto de vista, ademais de ser a primeira obra que nos permite achegarnos ó coñecemento xeral universal a través da lingua propia de Galicia. Trátase dun traballo que vai recoller máis de 200.000 entradas distribuídas en 14 tomos que se comezaron a publicar a finais de 1999 e dos que xa cinco están na rúa.As virtudes dunha obra coma esta son moitas (recóllense equivalencias en castelán, portugués e inglés de cada entrada, áreas temáticas, sinónimos e formas próximas polo seu significado, márcanse denominacións incorrectas e estranxeirismos, etc.) e aínda serían máis se fose posible a súa consulta en soporte electrónico, como é habitual hoxe en día en traballos destas características en todas as linguas do mundo. |