|
A EPS rememora o Seminario de Estudos Galegos A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo realizou xa dúas actividades no que vai de curso: por unha banda abriu ó público a exposición "O seminario de Estudos Galegos: oitenta anos de ciencia de noso", e pola outra puxo a andar a súa campaña de presentación co reparto de carteis, trípticos e adhesivos. A exposición, que se puido visitar na Escola Politécnica do 4 ó 13 de novembro, rendeulle homenaxe, como o seu nome indicaba, ó Seminario de Estudos Galegos, a entidade que na nosa historia contemporánea empregou por primeira vez a lingua galega para a transmisión de coñecementos científicos. Nela colaboraron membros do Novo Seminario de Estudos Galegos como Isaac Díaz Pardo e Francisco Díaz-Fierros, quen ademais pronunciou unha conferencia, "As ciencias agrarias no vello e no novo Seminario de Estudos Galegos", na xornada de clausura. E á par da exposición tódolos membros da EPS coñeceron este mes pasado a existencia e as actividades da CNL. Repartíronse carteis, trípticos e pegatinas para difundir os servicios que tanto o SNL como a CNL lles prestan á comunidade universitaria. Os deseños gráficos escollidos para esta campaña foron os premiados no certame de finais do curso pasado, que tiña por obxectivo buscar a mellor imaxe de promoción do galego dentro do Campus de Lugo. Asemade deuse tamén a coñecer a creación e mantemento dunha páxina web (http:web.lugo.usc.es/cnleps/) desde onde se difunden tódalas actividades da USC en relación coa promoción e uso do galego. Neste web tamén se recollen as inquedanzas de toda a comunidade universitaria en relación con estes temas. ¡Convidámosvos a entrar! |