Voltar

Léxico de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación

Acaba de saír do prelo o Léxico Básico de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, editado por esta Universidade de Santiago dentro da colección 'Léxicos básicos' do Servicio de Normalización Lingüística, coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación.


A elaboración do Léxico foi coordinada por Xosé Rubal Rodríguez, profesor da Área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación (MIDE) da USC, e nela colaboraron tamén Feli Barreiro Fernández, Esther Martínez Piñeiro, e Mª José Méndez Lois. Do asesoramento lingüístico encargouse Xesús Mosquera Carregal, polo Servicio de Normalización Lingüística.


O Léxico, que fai o número 7 da devandita colección, é o resultado dunha das medidas contempladas no Plan de Normalización Lingüística con que se dotou a Área de MIDE a mediados da pasada década, co obxectivo de mellorar a calidade lingüística nas comunicacións da Área relacionadas coa docencia e a investigación, e concretamente co fin de pulir vacilacións de tipo léxico e terminolóxico.


Son 1.907 termos relacionados cos campos de métodos de investigación, diagnóstico e avaliación, aprendizaxe, orientacion, creatividade e outros: disartria, mostraxe opinática, trastornos da fala, liderado creativo, farfallar... Á entrada en galego séguelle a súa correspondencia en castelán, e para facilitar a consulta dende este último idioma, existe un índice alfabético coas equivalencias en castelán, que remiten ó número de entrada en galego. Esta presentación segue as normas ISO de edición deste tipo de traballos. A escolma das linguas responde á necesidade fundamental 'dentro do horizonte bilingüe galego-castelán que conforma a nosa realidade actual'.




Imprimir